Convocan a través da Rede macrobotellóns de protesta contra a Lei aprobada polo Parlamento andalúz

venres, 27 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Internet e as novas tecnoloxías en xeral levan até límites nunca sospeitado as cadeas de mensaxes, sobre todo se as mensaxes van dirixidas a xente nova. Un e-mail ou un SMS enviado con tino ás persoas correctas no intre máis axeitado poderá percorrer todo o mundo e volver logo á túa man coma un boomerang.
Entre a mocidade isto funciona especialmente ben, porque a meirande parte dos novos de hoxe en día están en liña, mais as posibilidades de éxito caerían en picado se o que queremos é convocar á terceira idade das nosas vilas a unha exaltación do baile agarrado.
Todo isto vén a conto porque semella que as autoridades andaluzas non van poder facer moito para poñerlle freo ós botellóns que se van dar (primeiro) este sábado perante os principais concellos das cidades andaluzas e (segundo) en Huelva para o vindeiro 3 de novembro.
O fin destes encontros en concreto, amais dos que todos coñecemos (…), é conseguir que o Goberno andaluz dea marcha atrás á lei –aprobada o 11 de outubro– que prohibe o consumo de alcol nas rúas. De aí que as mensaxes que voaron os días pasados entre os mozos e mozas do sur de España sexan do tipo “os políticos prívannos dos nosos dereitos”, ou “precisamos liberdade para beber na rúa”. Nun destes correos tamén se aproveita para definir o concepto botellonoloxía, que é “a ciencia que se basea nas relacións sociais durante as fins de semana na rúa, non precisamente bebendo”.

PUBLICIDADE