Convocados os premios escolares de innovación en dinamización lingüística 2020-2021

luns, 8 de febreiro do 2021 Redacción

Este 8 de febreiro, a través da publicación da resolución da Consellería de Cultura e Educación, convocáronse os premios escolares de innovación educativa en dinamización lingüística 2020-2021. No Portal da Lingua Galega (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e no Portal Educativo foi pendurada toda a información ao respecto destes galardóns dirixidos aos centros docentes de titularidade pública no actual curso académico, amais das bases reguladoras.
A participación estará aberta até o vindeiro 10 de marzo, a través da sede electrónica da Xunta.
Ao abeiro desta iniciativa, seleccionaranse cinco proxectos que terán a consideración de “excelentes” e que recibirán cadansúa dotación económica de 2.000 euros. O profesorado implicado activamente no seu desenvolvemento recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante.
Innovar e dinamizar desde o ensino
Tras a posta en marcha desta iniciativa no ano 2008 son xa numerosos os proxectos que acadaron o recoñecemento polo seu impulso á dinamización da lingua galega desde o ensino, por medio de soportes variados (audiovisuais, aplicacións para móbiles, videoxogos...), rexistros propios da oralidade (regueifa, canción, contacontos) ou ámbitos de incidencia social (lecer, tecnoloxía, robótica). Segundo explica a Consellería, son “de especial relevancia” aquelas propostas que teñen como finalidade a integración lingüística tanto de alumnado estranxeiro como neofalante. Todas elas comparten o obxectivo de “vencellar a lingua galega coa modernidade e cos intereses e preferencias propias da cativada”. Entre outras, acadaron importante difusión iniciativas como Ao son delas, do IES Maximino Romero de Lema (Zas, A Coruña); Olimpíadas virtuais Sart Gal, do IES A Cachada (Boiro, A Coruña); Proxecto Regueifesta, dos IES Maximino Romero Lema (Zas, A Coruña), Marco do Camballón (Vila de Cruces, Pontevedra), Aspiramos a ser simplemente un paraíso lingüístico, do IES Félix Muriel (Rianxo, A Coruña) ou o coñecido 21 Días co Galego do IES da Pobra do Caramiñal (A Coruña), que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade fai extensivo á participación de centros de toda Galicia no marco do novo proxecto 21 Días co Galego e + desde o curso 2018-2019.

PUBLICIDADE