Convocados os Premios Galicia de Investigación deste ano, dedicados á Humanística

mércores, 2 de setembro do 2009 Raquel Noya

A Consellaría de Economía e Industria, co principal obxectivo de premiar o labor incansable das persoas que se dedican á investigación na nosa terra, e que ás veces non teñen máis recoñecemento que a propia satisfación de ter acadado algún achado, vén de convocar os Premios Antonio López Ferreiro de Investigación Humanística, correspondentes aos Premios Galicia de Investigación 2009.
Coa publicación das bases no DOG este martes 1 de setembro, a devandita entidade pública abre o prazo para presentar candidaturas a este galardón, que recompensa o traballo científico e favorece o recoñecemento social do traballo de investigación realizado desde Galicia e en favor da sociedade galega, á vez que estimula o labor dos investigadores máis novos.
Estes galardóns, creados en 1998, supoñen, segundo afirman os seus máximos responsables, “o principal recoñecemento institucional ao traballo realizado polos científicos galegos”, e na edición deste ano, na que corresponde premiar o traballo na categoría humanística, vaise aproveitar para facerlle unha homenaxe á figura de Antonio López Ferreiro, historiador, arqueólogo e novelista galego que xogou un papel fundamental na expansión do culto xacobeo.
Ao igual que nas anteriores edicións, co obxectivo de premiar tanto as traxectorias máis dilatadas como ás máis prometedoras, os Premios constan este ano de dúas categorías: a de investigador sénior, de recoñecemento a toda unha carreira investigadora, e a de investigador mozo, para persoas que en poucos anos xa teñen destacado polos resultados do seu traballo científico. Nas dúas categorías os investigadores deberán cumprir algún dos seguintes requisitos: estar adscritos a centros de investigación de Galicia ou ter abordo nos seus traballos temas directamente relacionados con Galicia.
Á categoría sénior poden optar persoas que veñan realizando investigación desde hai un mínimo de vinte anos na área humanística. Os candidatos deben ser propostos por algunha institución académico-científica ou por un colectivo de, polo menos, dez investigadores deste ámbito de coñecemento. A achega do premio é de 38.000 euros, e os galardoados se lles outorgará un medallón esculpido en bronce coa efixie de Antonio López Ferreiro e un diploma acreditativo.
Para optar ao premio a investigadores mozos, os candidatos non poden ter máis de seis anos de antigüidade co grao de doutor e deben ser propostos por un órgano colexiado dunha institución académico-científica. Nesta categoría, a dotación é de 7.000 euros máis un diploma acreditativo.

Aberto o prazo
O prazo para a presentación de candidatos aos Premios remata o próximo 1 de outubro.
As propostas, formalizadas no modelo oficial, deben ir acompañadas do currículo vitae do investigador, de documentación acreditativa dos méritos, así como de copias das súas publicacións máis relevantes. Estas solicitudes presentaranse no rexistro da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (na rúa Feáns, 7, local C, C.P. 15706 Santiago de Compostela).
O xurado que avaliará as propostas estará composto por sete expertos na área humanística, tres deles en representación das universidades galegas, outro da Real Academia Galega na área competente e os restantes nomeados pola Dirección Xeral de I+D+i. Unha vez resolto o premio e anunciados o seus gañadores, a entrega farase nun acto público.

PUBLICIDADE