Convocado un flashmob o 14 de febreiro para bicármonos polo galego

martes, 1 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

É posible reconverter unha celebración parva e ao servizo das grandes superficies en algo con contido reivindicativo? Segundo A Mesa, mesmo o vindeiro día 14, o día dos namorados, pode ser unha boa base para reencontrármonos e recomezar calquera labor de mobilización que teñamos entre mans. Falamos do labor de defender a lingua, desta volta salientando non só a vertente cultural e comunicativa do termo, senón tamén a máis presencial. Tal e como nos conta a plataforma galega no seu sitio en Facebook e reflicten medios como Galicia Hoxe, o 14 de febreiro estamos todas e todos chamados a participar nunha xeira de bicos (ás 17 no Toural, en Santiago) para defender, e nunca mellor dito, a lingua.
A campaña, posta en marcha dende o Facebook, está aberta a toda a comunidade internauta e só se esixe un requisito mínimo: levar parella. Con todo, sinala a Mesa, é preferible acudir ao Toural aínda que de xeito individual que ficar na casa, e máis se temos en conta o potencial dun acto reivindicativo coma este para atopar parella. A mobilización, que forma parte de Goza coa túa lingua, inclúe a distribución de logos e recursos gráficos e a estampación de chapiñas e camisetas. O acto, para o que se pide puntualidade, ten feitura de flashmob. Ou sexa, de xuntanza convocada a través de redes sociais e demais servizos tecnolóxicos e dixitais co fin de concorrer nun lugar concreto e facer unha reivindicación rechamante para logo seguir cada participante coa súa vida.

PUBLICIDADE