Convocado dende a USC un concurso de curtas sobre as potencialidades de medre territorial das enxeñarías

luns, 22 de abril do 2013 Redacción

A Universidade de Santiago de Compostela vén de convocar un concurso de curtametraxes co móbil cun tema a tratar como nexo común e requisito fundamental a ter en conta polos autores das pezas a presentar: as posíbeis achegas da enxeñaría para o desenvolvemento do territorio galego. O obxectivo deste certame é coñecer e difundir as inquietudes dos futuros universitarios sobre esta temática e descubrir o quefacer dos enxeñeiros no ámbito do desenvolvemento rural, especialmente nos sectores forestal e agrogandeiro.
Este concurso de curtas con teléfono móbil, que se acompaña do epígrafe Coñeces as posibilidades da enxeñaría para o desenvolvemento do territorio galego?, diríxese ao colectivo estudantil preuniversitario que no presente curso 2012-2013 estea matriculado en 2º de bacharelato ou en calquera ciclo formativo de grao superior en calquera centro do territorio nacional. A divulgación e a sensibilización sobre este abano de titulacións de ensino superior ligadas ao territorio e ao desenvolvemento do medio natural, así como outras titulacións ligadas á enxeñaría civil, constitúen outro dos obxectivos que busca a Universidade de Santiago coa convocatoria deste concurso de curtas con móbil. As bases do certame, por certo, xa están dispoñíbeis na web de seu.
O prazo de presentación das pezas rematará o vindeiro 27 de maio de 2013 e os seus autores deberán facer entrega das súas respectivas propostas creativas en calquera dos rexistros xerais da Universidade de Santiago, así como nas demais fórmulas que recolle a normativa vixente. Os traballos presentados, ben nun DVD ou nunha memoria USB e cunha duración de entre 30 e 90 segundos, deben ser gravacións de vídeos, en ningún caso montaxes de fotografías, e teñen que estar realizados en formato .avi, .mov ou .mp4. O gañador do concurso poderá matricularse gratis o próximo exercicio académico 2013-2014 no primeiro curso de calquera das titulacións de grao ofertadas pola Universidade de Santiago nos seus Campus de Lugo e de Compostela. Os outros catro galardoes establecidos nas bases do concurso consisten na exención do pago do importe da matrícula nun curso de idiomas no Centro de Linguas Modernas (CLM) da Universidade de Santiago de Compostela. O xurado, que será nomeado polo reitor da USC, Juan Casares, e valorará a orixinalidade das propostas e a consecución dos obxectivos formulados nas bases da convocatoria, fará público o seu fallo a finais de xuño. A entrega dos premios terá lugar no mes de xullo no transcurso dun acto que se celebrará en Lugo.
Segundo informa a Universidade de Santiago, a temática sobre a que versa este certame garda estreita relación coa oferta de titulacións da Escola Politécnica Superior de Lugo, na que se imparten os graos en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, Enxeñaría Civil, Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias e Enxeñaría en Xeomática e Topografía. “Este abano de graos”, engade a USC, “xunto cos másteres universitarios en Enxeñaría Agronómica, Arquitectura da Paisaxe, Dirección de Proxectos, Enxeñaría de Montes, Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, tamén impartidos na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, configuran unha oferta de ensino superior de gran atractivo para todos aqueles que desexen contribuír profesionalmente ao desenvolvemento rural. Por certo que o número de estudantes matriculados este curso 2012-2013 no centro universitario campus de Lugo ascende a 1.437 estudantes.

PUBLICIDADE