Convocadas as Xornadas Digital Music 2.0 en Barcelona

mércores, 25 de abril do 2007 Raquel Noya

O Servizo de Desenvolvemento Empresarial do ICIC (Instituto Catalán das Industrias Culturais) vai celebrar, os vindeiros 30 e 31 de maio en Barcelona, as Xornadas Digital Music 2.0, un evento no que se tentará definir o futuro dos dereitos de autor no panorama da música dixital, un tema que se vén debatendo moi polo miúdo nos últimos anos (sobre todo dende a aparición da Web 2.0). Ó igual que as novas tendencias na rede social e os novos lugares de medios enriquecidos definen unha Web 2.0, a música dixital representa a situación en Internet xusto antes da creba do ano 2000. Precisamente por isto, nas devanditas xornadas abordarase a transición cara a Digital Music 2.0 e afondarase nos intereses de tódalas partes implicadas, “tratando de atopar unha situación que protexa a todos por igual e de establecer un marco que poida soster un novo enfoque da música dixital en España”, segundo informa a organización. Entre os relatores convidados cómpre salientar a presenza de Richard Gottehrer, fundador e presidente de The Orchard, Shira Perlmutter, vicepresidenta executiva de Global Legal Policy, Shelley Taylor, presidenta de All Dig Down e Horst Weidenmüller, vicepresidente de Impala e VUT, membro da Xunta de Merlín e presidente de ¡K7 Records.

PUBLICIDADE