Convocada a segunda edición do concurso de podcasts Radio na Biblio

mércores, 12 de febreiro do 2020 Redacción

A Consellería de Educación vén de convocar a segunda edición do seu Concurso de Podcast na Biblio, coincidindo co Día Mundial deste medio (este xoves). O anunciou foi dado pola conselleira Carmen Pomar, durante a súa visita, este mércores 12 de febreiro, ás instalacións do CEIP Plurilingüe San Bartolomé (Vilanova de Arousa), un dos centros que se incorporou este curso a Radio na Biblio, o programa para impulsar a creación de laboratorios radiofónicos nas bibliotecas escolares.
Na súa visita, Carmen Pomar informouse do proxecto Radio Chans, nado a raíz da participación do centro neste programa e animou ao alumnado a presentarse á segunda edición do devandito certame, cuxa convocatoria publícase mañá “coincidindo co Día Mundial da Radio”.
Segundo lembrou, o concurso de podcast é unha iniciativa impulsada en colaboración coa CRTVG, a través da dirección da Radio Galega. Está destinado aos centros públicos co programa Radio na Biblio e a outros centros que traballan xa con este medio como ferramenta pedagóxica. Na primeira edición do certame participaron 64 centros educativos que enviaron un total de 107 traballos.
Ricardo Carvalho Calero
Segundo engadiu Pomar, este ano, co gallo da dedicación do Día das Letras Galegas de 2020 ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero, os podcast radiofónicos participantes xirarán arredor do traballo do ferrolán. Deste xeito, dixo, “a temática pode versar sobre a riqueza do patrimonio lingüístico galego, especialmente vinculado ao medio xeográfico, cultural e humano máis próximo ao centro, así como ir dirixida a estimular a lectura de poesía e teatro galegos e en galego”.
O concurso consta de catro modalidades (Infantil e primeiro ciclo de Primaria, resto de Primaria, ESO e Bacharelato, ensinanzas de Persoas Adultas ou Ciclos Formativos), segundo o nivel do ensino, e seleccionaranse dous arquivos dixitais de radio por modalidade. Cada centro educativo pode presentar un máximo de 3 traballos, todos eles en lingua galega. O arquivo sonoro, que deberán enviar en formato mp3 ou wav, pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un noticieiro, un faladoiro, un debate ou un programa monográfico, entre outros formatos.
Os centros gañadores nas distintas modalidades recibirán unha asignación extraordinaria de 1.000€ para melloras no laboratorio de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento do mesmo, sempre vinculado á biblioteca do centro. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela. Os arquivos premiados serán emitidos pola Radio Galega; á súa vez, serán difundidos a través da páxina web da Radio Galega e da canle dixital do Diario Cultural.
O prazo para a presentación de solicitude de participación e do resto da documentación rematará o 25 de abril de 2020. Os detalles da convocatoria poderán consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE