Convocada a segunda edición do premio Ineo á mellor aplicación galega

mércores, 27 de xullo do 2011 Redacción

Ineo e máis a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia veñen de convocar unha nova edición, a segunda, do seu galardón destinado a recoñecer a ferramenta tecnolóxica máis salientábel xurdida do noso tecido TIC empresarial, tanto dende o punto de vista da súa eficacia e utilidade intrínseca, como no que se refire ao seu valor social, de desenvolvemento, ou como axente de normalización dixital na nosa terra. Falamos do Premio Ineo á Mellor Aplicación TIC 2011, galardón tecnolóxico-dixital que se vai entregar durante a XVI Noite Galega das Telecomunicacións, prevista para o 21 de outubro.
Máis polo miúdo, e segundo fan saber as organizacións promotoras deste premio, o obxectivo do recoñecemento en cuestión é apoiar as idas e proxectos innovadores “de clara aplicación baseados en resultados xerados nas empresas, así como produtos e servizos innovadores, xa rematados ou en fase de desenvolvemento, encamiñados a impulsar o aproveitamento de resultados e/ou tecnoloxía xerada en Galicia”.
Segundo se estipula nas bases do certame, poderá concorrer a este premio calquera empresa con domicilio social en Galicia, que teña unha idea ou proxecto baseado na innovación e as novas tecnoloxías e que dera como resultado unha aplicación TIC singular. Para máis información, cómpre visitar a web da AETG, onde se dan cumpridos detalles sobre as normas a seguir e as bases destas e outras convocatorias inseridas na devandita celebración do 21 de outubro.

PUBLICIDADE