Convocada a novena edición do Premio Gerardo García Campos

martes, 19 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

O Colexio Oficinal de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) vén de convocar a novena entrega do seu galardón dirixido a recoñecer a máis salientábel iniciativa empresarial galega do eido das tecnoloxías da información. Estamos a falar do Premio Gerardo García Campos, un galardón convocado en colaboración coa Fundación do mesmo nome e que se vai entregar no marco da XVI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, xuntanza a celebrar o vindeiro 21 de outubro no Gran Hotel da Toxa.
Segundo fan saber máis en detalle o COETG e máis a Fundación Enxeñeiro Gerardo García Campos, o gran o obxectivo do recoñecemento (cuxas bases pódense consultar en pdf) é conseguir a máxima visibilidade para aquelas empresas novas do sector TIC que salienten nalgún destes aspectos: introdución das novas tecnoloxías en sectores nos que acheguen valor en procesos tradicionais, desenvolvemento de produtos aplicábeis en mercados amplos, orientación á exportación, creación de emprego, actividade en I+D e beneficio social. Segundo informan as organizacións convocadoras, o premio ten unha dotación de 6.000 euros.
Poderán aspirar ao premio tódalas pequenas e medianas empresas privadas españolas relacionadas co sector das TIC que leven constituídas menos de un lustro na data da convocatoria. Con todo, e por ser a devandita Fundación de interese galego, aqueles proxectos que se presenten deberán ter vinculación co noso país, “tendo que cumprir polo menos algún dos seguintes requisitos”, informa o COETG: “que os socios sexan galegos, que a sede social estea en Galicia ou que o proxecto repercuta de maneira directa en beneficio da nosa comunidade”.
Aquelas firmas que desexen optar ao premio deberán aportar a seguinte documentación:
· Un cadro explicativo da empresa no que se indique o ano de creación, número de traballadores, facturación e unha breve descrición da actividade.
· Memoria explicativa do proxecto ou proxectos que se consideren de mérito para o premio.

PUBLICIDADE