Convocada a edición número 15 do concurso de iniciativas innovadoras da USC

martes, 10 de febreiro do 2015 Redacción

A Universidade de Santiago de Compostela segue adiante cos seus recoñecementos ás iniciativas empresariais xurdidas dende o seu seo e con meirande capacidade de abrir novos camiños e marcar diferencias co feito até o de agora. Falamos do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores, un certame que xa vai pola súa edición número 15 e que vén da man do programa Uniemprende (USC). O obxectivo, como dixemos, é estimular e salientar o traballo das estudantes, licenciadas/os ou investigadoras/es que se lancen a abrir novos camiños de mercado e a crear emprego.
Están convocados estudantes e titulados e tituladas de calquera das universidades galegas e dos centros asociados da UNED en Galicia, en calquera área de coñecemento (Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Xurídicas e Sociais, Ciencias Experimentais e Ensinanzas Técnicas) que, a título individual ou en equipos, teñan un proxecto empresarial innovador con potencialidade para converterse nunha empresa. Tamén se dirixe a doutoras e doutores, investigadores, alumnos e alumnas de terceiro ciclo, etc., que desenvolvan actividades de I+D en calquera centro de investigación galego. Igualmente, están convocadas as novas empresas xa constituídas ao longo do ano 2014 e durante o período do ano 2015 comprendido entre o 1 de xaneiro e a data de publicación das bases, ou que teñan previsto constituírse durante o ano 2015.
Os premios son os seguintes: Premio de Base Tecnolóxica (con 2.000 euros de contía máis até 24.000 euros de financiamento mediante préstamo participativo ofrecido por Unirisco Galicia SRC), Premio de Empresa Nova (2.000 euros), Premio Muller Emprendedora (2.000 euros) e Premio á Promoción da Lingua Galega (1.000 euros).
Os proxectos gañadores terán acceso de balde a tres accións formativas (concederanse 2 prazas gratuítas por cada proxecto gañador) organizadas polo Programa Uniemprende no prazo dun ano, unha vez que teñan constituída a súa empresa.

PUBLICIDADE