Convocada a edición 2023 do concurso de mensaxes de amor Lingua de Namorar

martes, 21 de febreiro do 2023 S. P.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude convocaron a nova edición (a convocatoria 2023) de Lingua de Namorar, o concurso en liña de mensaxes de amor en galego dirixido á mocidade.
Segundo se explica nas bases, as mensaxes de amor deberán estar escritas en lingua galega e poderanse redactar en prosa ou en verso. A extensión máxima da mensaxe será de 350 caracteres, no caso das categorías A e B, e de 200 caracteres, no caso da categoría C, incluídos os espazos en branco en ambos os dous casos. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.
Lingua de namorar é un concurso dirixido a toda a mocidade con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos. Establécense tres categorías de idade: categoría A (de 14 a 19 anos), categoría B (de 20 a 35 anos) e categoría C (de 14 a 35 anos).
Polo que respecta aos premios, establécense tres galardóns por cada unha das categorías de idade A e B: 1º tableta 10’ Samsung A8, 2º libro electrónico Kindle e 3º cascos sen Aíos JBL
Establécese un único premio pola categoría de idade C: 1º tableta 10’ Samsung A8.
Para poder enviar as mensaxes (categorías A e B) será preciso o rexistro na páxina do concurso para o que se deberá cubrir un formulario de inscrición.
No caso da categoría C (exclusiva para a rede social Instagram), será preciso que as persoas concursantes sexan seguidoras de @xuventudegalicia e de @linguagalega. As mensaxes publicaranse directamente na imaxe habilitada para o concurso #LinguaDeNamorar no perfil @xuventudegalicia.
A data límite para enviar as mensaxes é o 17 de marzo.


PUBLICIDADE