Convocada a edición 2015 dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información

martes, 9 de xuño do 2015 Redacción

Os premiados na edición 2014 dos galardóns

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) vén de convocar unha nova edición dos seus galardóns anuais, dirixidos a salientar e distinguir as empresas, profesionais e entidades máis innovadoras e que máis e mellores esforzos teñan dirixido á promoción na nosa terra das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Os Premios Galicia Telecomunicacións e Sociedade da Información 2015 son os seguintes: Premio Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC 2015, Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao Sector TIC 2015, Premio Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2015 e Premio Ineo ao Produto ou Servizo TIC orientado á Internet das Cousas 2015. Os galardóns entregaranse no transcurso da XX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.
O prazo de presentación de memorias para todos os recoñecementos remata o vindeiro 13 de xullo ás 9.00 horas.
A continuación achegamos máis información detallada sobre cada un dos premios que se achegan este ano:
Premio Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC 2015 Patrocinado pola Fundación Enxeñeiro Gerardo García Campos e dotado con 6.000 euros, este galardón pretende dar un impulso económico e social a aquelas empresas que están empezando a súa andaina ao concederse a un proxecto empresarial emerxente no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. As bases deste premio están xa accesíbeis en formato PDF.
Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao Sector TIC 2015
Patrocinado pola Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e dotado con 2.000 euros, con este premio preténdese fomentar a realización de teses doutorais con potencial de achegar valor no mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC. As bases deste recoñecemento atópanse dispoñíbeis en PDF.
Premio Mellor Proxecto TIC con beneficios Sociais 2015
En colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) este premio é de carácter honorífico e está destinado a recoñecer os mellores proxectos no ámbito das novas tecnoloxías que contribúan e fornezan beneficios á sociedade. As bases, en PDF.
Premio INEO ao Produto ou Servizo TEIC orientado ao "Internet das cousas" 2015
Patrocinado pola Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (Indo) e de carácter honorífico, está destinado a recoñecer ás empresas que estean a contribuír á modernización e á innovación na economía galega. Máis información sobre o galardón en formato PDF.

PUBLICIDADE