Convocada a cuarta edición do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia

martes, 29 de xuño do 2021 S. P.

O Goberno galego convocou a nova edición (a cuarta) do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, que vén con 3.000 euros e ao que poderán optar as entidades locais que sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura públicas. A novidade deste ano radica en ponteciar a colaboración entre varios concellos ou bibliotecas dunha rede municipal.
O obxectivo é “mostrar os proxectos e boas prácticas innovadoras levadas a cabo polas bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais, con resultados positivos para os usuarios e que sexan beneficiarios para a poboación á que se dirixen”. As contribucións que se presenten terán que estar relacionadas coas seguintes áreas: aprendizaxe ao longo da vida, competencias informacionais e dixitais, biblioteca dixital e redes sociais, cohesión e inclusión social, posta en funcionamento de servizos innovadores, sustentabilidade ambiental, igualdade entre homes e mulleres, loita contra a violencia de xénero e contribución aos obxectivos da Axenda 2030.
Como dixemos, unha das principais novidades deste ano é que se potencia a colaboración na formulación de proxectos, xa que na convocatoria deste ano permítese a presentación conxunta de proxectos por varios concellos, aínda que non constitúan formalmente unha agrupación, así como a presentación de proxectos que abranguen varias bibliotecas dunha rede municipal.
O premio está dotado con 3.000 euros e a entrega dun distintivo de biblioteca innovadora que se poderá colocar nun lugar visíbel das instalacións así como nos seus recursos dixitais.
Poderán optar a este recoñecemento as entidades locais que sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, así como as agrupacións de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios común.
A primeira entidade galardoada con este premio foi, no ano 2018, a Biblioteca Pública Municipal de Camariñas polo proxecto O berberecho rebecho viaxa a La Turballe. Na segunda edición, recoñeceuse o mapa literario de Vigo elaborado da Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas e a última en incorporase a este listado foi a Biblioteca Municipal de Bóveda “pola súa capacidade para influír na comunidade e executar un proxecto de integración social que tiña en conta as circunstancias de todos os veciños ao adquirir recursos bibliográficos adaptados como os libros de lectura fácil ou audiolibros e adaptar o acceso ás súas instalacións”.


PUBLICIDADE