Converxencia XXI maniféstase a prol dunha Rede sen lei Sinde

luns, 27 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

O rexeitamento da lei Sinde segue a dar que falar. Cómpre dicir que a día de hoxe, rexeitar a lei Sinde non significa desbotar calquera xeito de protexer os dereitos das e dos artistas, senón rexeitar o peche de páxinas web que dean acubillo a servizos para o intercambio libre de ficheiros na Rede. Dende a nosa terra, unha das voces que máis se fixo escoitar os días pasados foi a do BNG, pero tamén a de outro partido galego: Converxencia XXI. Para esta fronte política, o feito de que desbotase no Congreso dos Deputados a lei Sinde (disposición final segunda de Lei de Economía Sustentábel) só pode ser considerado como “unha boa nova”. Para Converxencia XXI, a decisión de pechar páxinas por violación dos dereitos de propiedade intelectual, un dos piares sobre os que se apoiaba o dito proxecto de regulamento rexeitado, é algo que corresponde á xustiza, e non a unha comisión do Ministerio de Cultura.
A plataforma galega pídelles así ao Goberno e aos demais partidos que, nos posteriores debates da lei no Senado e no Congreso, “non se recupere este preocupante e ineficaz parágrafo, que non vai reducir a piratería e que pola contra porá en risco liberdades fundamentais da cidadanía”.
Para Converxencia XXI, e así o dá a coñecer nun comunicado, cómpre protexer os bens da Rede, non limitalos ou loitar contra eles. Estes bens son sobre todo as posibilidades que achega en materia de intercambio de contidos e información, eido xenérico que non pode ser atacado por mor dunha parte: as descargas sen autorización. “Internet é un garante fundamental da liberdade e da cultura”, sinala Converxencia, “e tamén unha panca no desenvolvemento económico e na saída da crise”.
A continuación, damos conta das propostas da plataforma para acadar unha Rede que satisfaga a todas e todos, propostas que podemos ver en máis detalle no Facebook.
· Apostar por unha neutralidade total da Rede, “para evitar as restricións á liberdade que poden querer aplicar os provedores de servizo e os gobernos”.
· Declarar Internet como servizo básico fundamental.
· Esixir a cobertura de internet de banda larga en todo o territorio e para toda a poboación, para que todos os cidadáns estean en iguais condicións de competir.
· Reformar en profundidade da lei de propiedade intelectual de xeito que se protexa a transmisión, o uso non comercial e a creatividade cultural.
· Reformar e ampliar a lei de transparencia para que se publiquen en internet todos os datos producidos pola administración.
· Promover contidos sen copyright por parte das administracións, apostando polas licenzas libres, en especial en toda a produción da administración (mapas, bancos de imaxes, informes, libros...) e no sistema educativo.
· Impulsar un novo modelo de I+D+i baseado na retirada de obstáculos á creatividade e no estímulo fiscal á produción de ideas, e non na subvención.

PUBLICIDADE