Converfit revoluciona dende Vigo o ámbito da comunicación empresa-clientes

venres, 29 de xullo do 2016 Redacción

Converfit é unha iniciativa (unha start-up e unha ferramenta) xurdida en Vigo que está a achegar importantes avances en materia de analítica web, que é o ámbito de estudo orientado a tirar datos de valor sobre a información inxente na Rede (co obxectivo de optimizar múltiples estratexias profesionais ou empresariais). Trátase dun sistema de xestión de clientes ao servizo de todo tipo de empresas que ten o seu xermolo en Citious, nome co que se designou unha ferramenta da que temos falado en Código Cero con motivo da súa participación (a través da firma do mesmo nome) no Google Campus Exchange e dos seus obxectivos: achegar mensaxería instantánea de atención ao cliente. Tanto Citious como agora Converfit veñen da man de Pablo Gutiérrez Alfaro e Jorge Rodríguez Núñez, dous emprendedores de Vigo. Segundo explican, Converfit xurdiu precisamente polo interese das empresas en Citious. Viron nesta unha ferramenta un recurso para mellorar a súa comunicación e pedíronlle máis recursos. De aí naceu Converfit, que prepara versión para PEME.
Converfit, explican Pablo e Jorge, é unha canle de comunicación de gran utilidade para as compañías. A través dela, sinalan, poden coñecer máis e mellor as demandas reais dos seus clientes. Para isto, pon en xogo cousas como un sistema de creación de perfís e unha canle de chat directo cos usuarios que se interesan, que adquiren e que proban algún produto ou servizo. O obxectivo, tamén, é que as empresas poidan atopar as mellores e máis útiles respostas ás seguintes preguntas: como podo axudar aos persoas que se interesan polo que vendo e como podo achegarlles a mellor experiencia posíbel?
Converfit diríxese a dar solucións e datos de valor a todo tipo de firmas e sectores e ámbitos de venda, ben sexan da nosa terra, estatais ou de calquera país. Arestora hai profesionais da mercadotecnia e da atención ao cliente tirándolle partido en múltiples recantos do mundo. Segundo salienta Pablo Gutiérrez acerca deste interese, a fórmula radica en ter sabido atopar un baleiro do mercado en liña, e, tamén, en ter atopado o amaño para ese baleiro. Esta febleza do mercado en liña corresponderíase, na vida real, aos problemas que se derivarían de entrarmos nunha tenda na procura dun produto e non ser atendidos nin asesorados de maneira correcta.
Por certo que a gran novidade vindeira de Converfit radica no inminente lanzamento da súa versión máis acaída para o ámbito das pequenas e medianas empresas (até o de agora a ferramenta encaixaba máis no ámbito das grandes firmas).
Como lembraremos, a start-up galega foi a única nova firma estatal seleccionada na palestra Microsoft Ventures Accelerator desenvolvida en Londres. Máis tarde os impulsores da firma foron convidados por Google para participar en Silicon Valley no programa BackBoxConnect. Previamente, Citious tivo a oportunidade de beneficiarse do impulso achegado pola aceleradora Vía Galicia (foi un dos 10 finalistas da segunda edición da palestra da Zona Franca de Vigo).

PUBLICIDADE