Continúan os cambios en Google Buzz atendendo ás queixas dos usuarios

luns, 15 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

En breve, Gmail contará con opcións de configuración de Google Buzz

O lanzamento de Google Buzz xerou moita polémica sobre a súa invasión á intimidade dos usuarios ao incorporar automaticamente seguimentos aos usuarios da axenda de contactos de Gmail e por incorporarse ao servizo de correo de Google sen autorización expresa do usuario, entre outros detalles, pero dende Google toman nota das queixas e reaccionan xa por segunda vez incorporando novidades no servizo na protección da privacidade coma son a desactivación por defecto do sistema de seguimento automático, evita a publicación accidental de enderezos de correo electrónico de certos usuarios, permite ocultar a listaxe de persoas seguidas, deixa de publicar en Buzz de xeito automático o que se comparte en Picasa Web Albums e Google Reader (agás que sexan contidos que xa sexan públicos) e incluso están a traballar na incorporación na sección de configuración de Gmail dunha pestana destinada a Buzz dende a que poder desactivar servizo ou evitar que as mensaxes de Buzz aparezan na nosa bandexa de entrada sen ter que crear filtros específicos para tal fin.
Dende Google tamén aseguran que van continuar a mellorar Buzz nos vindeiros días, permanecendo atentos ás suxestións dos usuarios, no que promete ser unha plataforma de comunicación de moito peso que, pese a non competir directamente con outros servizos para establecer redes sociais, podería afectar seriamente ao seu crecemento futuro e incluso cómpre ter en consideración que actualmente xa supera en usuarios a Twitter.

PUBLICIDADE