Continúan os apagamentos analóxicos en Galicia, con pequenas incidencias

mércores, 20 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

En San Martiño de Fiestras teñen problemas co sinal da TDT segundo informa o Faro de Vigo

Os apagamentos analóxicos da televisión transcorren a bo ritmo por boa parte de Galicia, de xeito que hoxe mesmo xa serían 307.000 os galegos que só teñan a TDT coma sistema para recibir o sinal televisivo nos seus fogares, pero este avance tecnolóxico non chega sen incidencias e nas últimas horas a prensa deu conta de distintos casos coma o que afectou a centos de veciños de Cee, Corcubión e Camelle, que quedaron sen todas as canles agás a TVG e Televisión Española por culpa dun microemisor non censado, o que tamén aconteceu con outro microemisor en Camelle (Camariñas), aínda que unha vez localizados os causantes destas incidencias os técnicos xa se puxeron mans á obra para solucionar a situación. No resto da Costa da Morte o apagamento produciuse con normalidade.

Pequenas incidencias no Deza

Na comarca do Deza tamén detectáronse certos problemas por parte de persoas que antes recibían o sinal da TDT sen problema, pero que agora non fan tal, o que é debido a que realizouse un despregamento de centros de emisión que ampliou considerablemente o seu número, pero que nalgún caso forza a reorientar as antenas, de xeito que agora é probable que teñan algún emisor máis preto dos seus fogares, o que podería traducirse nunha mellor recepción en días nos que as inclemencias meteorolóxicas afecten aos sinais televisivos.

Daniel Atanes captou coa súa cámara fotográfica a varios veciños de Portocamba que xúntanse para xogar ás cartas tras deixar de recibir o sinal televisivo na súa vila

De todos os xeitos, moitos usuarios da comarca continuarán a recibir o sinal analóxico ata o 1 de febreiro, posto que teñen orientadas as súas antenas ao emisor do monte Pedroso, en vez de ao microemisores locais.

Varias aldeas de Ourense-Leste deberán optar polo satélite para ver a televisión

Pero entre as localidades onde está a producirse o apagamento da televisión analóxico xa apareceron zonas de sombra, de xeito que a TDT non é posible recibila en aldeas coma Vilar, Veiga de Nostre, Parada da Serra, Fontefría, Castrelo do Val, San Martín, As Xestas, Santa Baia de Montes ou Cualedro, onde deberán solicitar o acceso á tecnoloxía TDT SAT, que permite a recepción da oferta de canles da TDT a través de satélite, aínda que a súa instalación supera os 300 euros, de aí que os habitantes de zonas afectadas estean en moitos casos a agardar algún tipo de solución por parte da Xunta ou dos seus concellos para evitar facer un desembolso tan elevado do que prescinden outros cidadáns galegos.

PUBLICIDADE