Continúa aberto o prazo para inscribirse no curso sobre aspectos legais da Rede e das TIC do CPEIG

luns, 7 de maio do 2012 Raquel Noya

A Rede 2.0 enmárcase nunha realidade social que, dende punto de vista xurídico, xerou dúbidas e desconfianza na gran maioría dos usuarios, propiciadas polo gran descoñecemento que estes teñen dos seus deberes e dereitos no eido virtual.
Nesta liña, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ten habilitado, para o presente ano, un curso en liña sobre Aspectos legais de Internet e as TIC, a desenvolver durante 6 semanas, entre os días 21 de maio e 30 de xuño de 2012.
O curso, que vai dirixido a aportar as ferramentas prácticas do Dereito en materia de novas tecnoloxías e Internet, ten aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 16 de maio, e poderase apuntar calquera persoa interesada no tema, sexa ou non colexiado; mais iso si, o prezo do curso é de 150 euros, que ascenderán a 195 no caso das persoas alleas ao ente colexial.
O curso ofrece os instrumentos teóricos e, sobre todo, prácticos da área do Dereito en relación a Internet e ás novas tecnoloxías, e nel analizarase a lexislación actual relevante así como a xurisprudencia non só en España, senón tamén en Europa.
O director do curso é Pablo García Mexía, profesor de Dereito e Goberno de Internet no College of William&Mary, en Estados Unidos, e letrado das Cortes Xerais, que estará acompañado por outros docentes de prestixio como Fernando Bondía Román, Luis Felipe López Álvarez e Jorge Villarino Marzo, entre outros.

PUBLICIDADE