Contact presenta Orama no foro Smart Cities de Madrid

xoves, 27 de febreiro do 2014 Redacción

A empresa galega Contact Comunicación, emprazada na Tecnópole de Ourense, participa este xoves en Madrid na xornada Smart Cities, as TIC aplicadas ao modelo de sociedade sustentábel, na que presenta a súa solución Orama, un sistema gratuíto de promoción de actividades socioculturais. O evento, informan fontes do Parque Tecnolóxico de Galicia, está organizado pola Confederación Española de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicacións e Electrónica (CONETIC), coa colaboración da Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (Ineo).
Lembrar que a aplicación deseñada por Contact Comunicación baséase en dous alicerces ben definidos. Por unha banda, rematar co importante custo económico e ambiental que supón imprimir miles de folletos aos que os usuarios xa non prestan atención e, pola outra, desbotar “o mal efecto que supón ver as fachadas dos edificios empapeladas con carteis que se acaban convertendo nunha amálgama de papel, cun importante custo de limpeza para as cidades”, explicaron fontes da empresa con motivo da presentación deste recurso de seu. Polo tanto, a través da web canalorama.com facilítase a consulta de información sobre eventos e actos culturais que teñan lugar na nosa contorna máis próxima e coa vantaxe de poder facer tal practicamente en calquera momento e lugar por estar baseado nunha aplicación móbil dispoñible tanto para iPhone como para dispositivos con Android (solución que aproveita a xeolocalización e a realidade aumentada para acadar os seus obxectivos dun xeito sinxelo e atractivo). Orama, como lembraremos, recolleu recoñecementos nada máis saír de fábrica, sendo finalista na edición de 2011 dos Premio INNOVA-G e recibindo o Premio INEO á Mellor Aplicación TIC 2011 e o Premio Actualidade Económica ás 100 Mellores Ideas.

PUBLICIDADE