Contact desenvolve o concurso galego de fomento da lectura E ti que vés lendo?

martes, 8 de setembro do 2015 Fernando Sarasketa

A empresa galega Contact Comunicación, responsábeis de innovacións tan salientábeis como Orama (sistema de balde para a promoción de actividades socioculturais), vén de desenvolver para a Federación de Librarías de Galicia un concurso destinado a impulsar o comercio intelixente no eido editorial da nosa terra. O certame chámase E ti que vés lendo? e insírese dentro do programa de axudas da Dirección Xeral de Comercio para impulsar en Galicia a práctica do Smart Commerce. Para participarmos na actividade, só teremos que compartir unha recomendación literaria a través da web da devandita federación. De contado, entraremos no sorteo dun vale desconto por valor de 20 euros.
Ademais, con cada recomendación, recibiremos un cupón que poderemos trocar por un agasallo sorpresa en calquera das librarías participantes. Para atopar a máis próxima, teremos que acceder a un mapa onde se xeoposicionan todos os establecementos integrados na federación. O que se pretende con esta iniciativa é “fomentar á lectura ó tempo que dinamizar as vendas nas librarías galegas”.
Os usuarios, sinalan dende Contact, poden participar tanto dende o seu computador de sobremesa como desde calquera tableta ou dispositivo intelixente, xa que a páxina está 100% optimizada para trebellos móbiles.

PUBLICIDADE