Consumo detecta fraudes e publicidade enganosa en páxinas de venda de billetes de avión

xoves, 4 de outubro do 2007 Raquel Noya

É coñecida como publicidade enganosa e medra como as malas herbas alí onde menos o esperan os consumidores, pero sobre todo en Internet, que semella terreo tratado para sementar este tipo de ofertas comerciais con trampas para os consumidores que, as máis das veces, non se decatan do abuso até que realizan a adquisición. Ou sexa, até que é tarde de máis.
Desta volta, o Instituto Nacional de Consumo vén de avisar da existencia de até sete páxinas web dedicadas á venda de billetes de avión que presentan suculentas ofertas que finalmente resultan ser falsas.
Entre as devanditas webs fraudulentas, Consumo advertiu da presenza de publicidade enganosa en Ryanair e Vueling, que ofertaban billetes de avión de balde que logo tiñan cargas de taxas aéreas substanciais. Noutros catro casos (de novo Ryanair, Vueling, Iberia e Spanair) había ofertas vantaxosas a prezos irrisorios, imposibles de localizar logo no sitio web.
Por outra banda, en eDreams, Consumo alertou da presenza de indicacións xeográficas que non se correspondían cos aeroportos de partida ou chegada e nas webs de Transavia, Tuy-Fly e (unha vez máis) Ryanair, expúñase información de venda en español mais coas condicións xerais de aceptación obrigatoria só en inglés.
Das doce páxinas inspeccionadas polo Instituto Nacional de Consumo, catro estaban limpas de fraudes, sen anomalía nin irregularidades respecto ós dereitos co consumidor: Air Berlin, Easyjet, Atrapalo e Rumbo, o resto das analizadas non eran trigo limpo para os internautas.

PUBLICIDADE