Consumo anuncia que se poderán anular os contratos dos móbiles e sen penalización

venres, 23 de febreiro do 2007 Raquel Noya

Como xa vimos anunciando dende fai un tempo, a partires do vindeiro 1 de marzo, entra en vigor a nova lei do 29 de decembro que prohibe a práctica do redondeo, polo que as compañías de telefonía están obrigadas a tarificar en segundos, é dicir, só polo tempo consumido e non en bloques dun minuto como se viña facendo até o de agora. Como consecuencia desta nova regulación, que ademais prohibe o redondeo á alza, algunhas compañías de móbiles anunciaron xa o incremento das súas tarifas nun 25 por cento (evidentemente para compensar, non as ían baixar e darnos o gusto de facer unha chamada importante sen preocuparnos de se nos queda algo do soldo para comer).
Ante esta drástica medida tomada pola compañías de telefonía móbil, moitos usuarios vense obrigados a suspender os seus contratos ou tentados a cambiar cara unha operadora máis barata (cousa difícil xa que todas van no mesmo carro á misa).
Pois ben, o Instituto Nacional de Consumo (INC), avisa ós usuarios de telefonía móbil que teñen dereito a darse de baixa no contrato, sen ter que aboar ningunha penalización por facelo e sen necesidade de cumprir ningún prazo mínimo de permanencia.
Consumo, deste xeito, insta ós usuarios a que esixan o seu dereito a rescindir os contratos sen que teñan que verse condicionados ou obstaculizados polas cláusulas de permanencia, nin vincularse a pagos previos en concepto de penalización (normalmente relacionadas coa financiamento do terminal).
O operador tampouco poderá condicionar a portabilidade ó abono de penalización algunha e só poderá negarse a ese dereito se previamente tivo lugar a suspensión do servizo por falta de pago do usuario. É dicir, que só poderá denegar a portabilidade cara outra compañía se o usuario (no intre de cambiar de operador) ten cortado o servizo por non ter pagado facturas anteriores, nunca por negarse a pagar a penalización imposta.
E é que se eles van de listos, nós aínda o somos máis (ou parecémolo). Polo de agora, non sabemos se imos cambiar de operadora (coa lei da nosa man) ou tirar o móbil pola fiestra, pero mentres o pensamos, podemos facer por participar na folga dos “móbiles caídos” o vindeiro 1 de marzo (a ver se perden uns euros e lles soa a alarma).

PUBLICIDADE