Consumo achega unha charla para amosar á cidadanía como mercar ao xeito na Rede

xoves, 5 de xaneiro do 2017 Redacción

As aulas CeMIT de Abegondo, Beariz, Valga e Vilagarcía de Arousa (Centro Matosinhos) van acoller unha xornada simultánea dirixida a informar polo miúdo aos consumidores sobre as vantaxes e riscos de mercar a través de Internet. A charla, organizada polos catro Concellos e o Instituto Galego de Consumo, celebrarase o vindeiro luns 9 de xaneiro, a partir das 11 da mañá. A actividade, aberta a toda a cidadanía, insírese no ciclo Consumo na Rede. Segundo informan os organizadores, a sesión vén moi a conto neste intre concreto no que vivimos, dado que coincide co inicio da tempada de rebaixas, unha tempada que tamén abrangue ao comercio electrónico.
Por outra banda, engaden, tampouco hai que esquecer que o propio ámbito do ecommerce é un ámbito que medra a día de hoxe de xeito exponencial, haxa rebaixas ou non, “de aí a necesidade de lograr que os usuarios coñezan as vantaxes que fornece, pero tamén os riscos que supón”, explican fontes dos concellos e do IGC. Na sesión tamén se informará sobre os dereitos que asisten á persoa que realiza unha compra a través das novas tecnoloxías a hora de realizar devolucións ou cambios. Igualmente forneceranse consellos e recomendacións para un uso responsábel das ferramentas e servizos de ecommerce.
A charla terá unha duración de hora ou hora e media e realizarase a través do sistema de vídeo conferencia desde a Escola Galega de Consumo. Está orientadas a todos os públicos ao tratar temas actuais que nos afectan en gran medida como consumidores habituais.
As persoas interesadas en seguir o evento a través de vídeo conferencia que se emitirá nas devanditas aulas CeMIT (e tamén nas aulas que se adhiran á iniciativa ao longo destes días), poderanse inscribir a través da plataforma XEA -no caso de ser usuario rexistrado das aulas CeMIT-, ou de maneira presencial nas propias aulas informáticas.
Na sesión, a respecto dos contidos, traballaranse todos os aspectos relacionados con consumo cando accedemos á Rede por distintos medios: computadores, redes sociais ou telefonía móbil.

PUBLICIDADE