Conseguen instalar Linux nunha PS4

xoves, 31 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Cando a PlayStation 3 veu a luz, chegaba coa posibilidade de funcionar con Linux, o que serviu para que moitos proxectos de investigación empregasen a consola para montar complexos sistemas de calculo a un prezo moi axustado, pero a PlayStation 4, pese a que agora teña a arquitectura propia dun ordenador persoal, viña con proteccións que pechaban a porta ao software caseiro, o que podería ser cousa do pasado, xa que están a atopar xeitos de explotar vulnerabilidade da consola de Sony para tirar proveito da mesma para funcións para as que a compañía nipoa non a deseñou.
Na primeira metade do ano comentábase que un grupo brasileiro aseguraba ter atopado un xeito de facer jailbreak á PS4, o que levou a distintos avances na desprotección da PS4, como os conseguidos polo grupo fail0verflow, que esta semana conseguiu superar o reto que se tiña imposto: instalar unha versión de Linux completa nunha PlayStation 4.
Para facer iso aproveitaron un fallo de seguridade no navegador web incluído na consola de Sony, aínda que para acadar tal obxectivo non se empregou unha PS4 actualizada, senón unha versión co firmware 1,76 (actualmente estamos no 3.11), ou sexa, que a PS4 está moi lonxe de ser unha consola vulnerable á piratería, e polo momento estariamos ante unha demostración de que unha vella PS4 pode converterse nun ordenador de escritorio, o que serviría non só como un equipo bastante económico, senón que tamén axudaría a un maior coñecemento do funcionamento interno da máquina, o que é unha magnífica nova para os entusiastas deste tipo de investigacións.

Demostración dos avances de fail0verflow vulnerando a seguridade da PS4

PUBLICIDADE