Confírmase a suba de velocidades e prezos de R

martes, 17 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Os rumores de que o operador de cable R ía incrementar a velocidade de acceso á Rede á vez que encarecería os seus prezos vense confirmados plenamente, de xeito que o 1 de decembro pasan a ser oficiais os combos de 50, 150 e 350 Mbps con prezos de 43, 47 e 55 euros/mes para usuarios que teñan contratado móbil con R (ou sexa, 3 euros máis ao mes que as tarifas actuais de 20, 100 e 200 Mbps), no caso dos usuarios particulares (os novos combos de empresa custarían 2 euros máis que os de particulares).
Para facer posible estes cambios R leva semanas ampliando as súas redes, coas conseguintes molestias para os seus usuarios (xa que realizaron numerosos cortes de conexión para adaptar as súas infraestruturas) o que permite que as novas velocidades estean dispoñibles na Coruña e Vigo a partires do 1 de decembro, ampliándose paulatinamente ao resto da rede de R en Galicia até completar o cambio de velocidade previsiblemente no mes de marzo.
Para poder gozar das novas velocidades os clientes deberán solicitar o seu cambio de combo, aceptando así a súa de 3 euros ao mes do produto contratado, pero no caso de conformarse coa velocidade actual a suba de prezo tamén se produciría (aínda que só en 1 euros). Tamén confirman que os móbiles coa Tarifa 1 tamén incrementarán a súa cota mensual nun euro.
A compañía de cable que no mes de decembro pasará a ser propiedade de Euskaltel tamén confía en poder comezar a ofrecer conectividade móbil 4G aos seus clientes antes de rematar 2016, á vez que tamén esperan mellorar o servizo de televisión.
De todos os xeitos este anuncio de R non parece estar a ser moi ben recibido polos clientes da compañía, que ven como suben os prezos do seu servizo por segunda vez no mesmo ano, dando a impresión de que a operación faise xusto antes de completarse a adquisición por parte de Euskaltel simplemente para que a compañía éuscara poida cumprir coa súa promesa de non subir os prezos.

PUBLICIDADE