Conector Startup Accelerator abre sede en Galicia

martes, 15 de novembro do 2016 Redacción

Conector Startup Accelerator, a aceleradora especializada en startups en fase semente, despois de Cataluña e Madrid, abre sede en Galicia, terceira Comunidade onde a aceleradora abre oficinas físicas co obxectivo de levar a cabo programas horizontais, verticais e alianzas con empresas para impulsar aceleracións corporativas.
Polo seu amplo coñecemento do ecosistema dixital galego, Lalo García será o firector de Conector Galicia, liderando os programas de aceleración, así como as relacións institucionais e corporativas. García é fundador de Lancetalent, Knowledge Investors, Xebook; colaborador de Redinvest CFV, ViaGalicia e Laconnetwork; e embaixador de Foundum para Galicia.
A aceleradora apostou por Galicia polo seu crecente tecido emprendedor, motivado en gran parte por recoñecidos emprendedores e investidores como son Aquilino Pena (Kibo Ventures), Carlos Blanco (Encomenda VC), Telmo Pérez (Acciona), Sixto Arias (BeMobile), Rubén Ferreiro (Grupo Viko), Javier Cebrián (Bonsai VC), Javier Santiso (Mundi Ventures), Beatriz González (Seaya) e José del Barrio (Samaipata Ventures), entre outros.
Na súa traxectoria dende 2013 Conector leva promovido proxectos de emprendemento dixital bastante diversos, mobilizando a máis de 150 mentores e máis de 15 millóns de euros en investimento e acelerado 86 startups.
Conector Galicia anunciará proximamente a primeira convocatoria na Comunidade que convivirá cos programas de Barcelona, Madrid e as aceleradoras corporativas. A sede da iniciativa, segundo nos contan os responsábeis da mesma, estará emprazada en Vigo.
En palabras de Elisabeth Martínez, co-fundadora e directora executiva de Conector, Galicia “ten un tecido industrial moi potente con amplo potencial de dixitalización e estamos seguros de que moi axiña coñeceremos proxectos altamente prometedores”. Segundo engade, dende a aceleradora hai unha plena confianza nas posibilidades da nosa terra en materia de vangarda tecnolóxica e innovadora. “Grazas ao traballo do noso equipo e o liderado de Lalo, Conector converterase de contado nun referente para os emprendedores galegos”.

Vídeo promocional de Conector Startup Accelerator

PUBLICIDADE