Conecta Ourense pon a nova transformación tecnolóxica ao alcance da man das empresas da provincia

xoves, 21 de setembro do 2023 S. P.

Máis de cincuenta pemes e persoas autónomas participaron este xoves 21 de setembro nun obradoiro online organizado pola Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), que puxo sobre a mesa como aplicar as tecnoloxías transformadoras para crear solucións innovadoras e sustentábeis nas empresas. A relatora, Consuelo Verdú, trasladou as ferramentas prácticas para abordar a transformación utilizando estas aplicacións (Internet das Cousas, Realidade Virtual ou Intelixencia Artificial). A xornada desenvolveuse ao abeiro de Conecta Ourense (CEO).
A iniciativa Conecta Ourense da CEO, apoiada pola Xunta a través do IGAPE e GAIN, programou esta xornada innovadora dirixida a coñecer estas tecnoloxías transformadoras para innovar nas empresas desde xa mesmo e nos próximos anos. A sesión, que contou coa participación de máis de 60 representantes de pemes de sectores e actividades tan diversas como consultaría, estudos de arquitectura, construción, agroalimentario e vitivinícola, industria do metal, servizos legais, tecnoloxía, xestión ambiental e forestal, enxeñería e un longo etcétera, ademais de organizacións e centros tecnolóxicos.
A sesión deste xoves foi conducida por Consuelo Verdú e serviu para que as persoas conectadas, descubriran como identificar o punto de partida da súa empresa, actividade ou negocio “nesta emocionante viaxe cara á transformación dixital”, sinalou Verdú, experta no deseño e dinamización de estratexias innovadoras, quen abordou oito pasos necesarios para non quedar atrás e “coller o tren da innovación”.
O obxectivo do obradoiro era “o de proporcionar aos asistentes unha comprensión profunda e aplicada de como as tecnoloxías transformadoras son un motor de innovación para os modelos operativos das pemes, cun enfoque especial na Internet das Cousas (IoT), Realidade Aumentada (RA), Sensores, Robótica e Intelixencia Artificial (IA).
Deste xeito, Consuelo Verdú detívose na explicación dos obxectos conectados e a súa aplicación en industrias como a saúde, transporte e fogares intelixentes; tamén abordou as experiencias inmersivas de Realidade Aumentada en mercadotecnia ou educación; ou como os sensores permiten vixilancia en tempo real, aplicacións en agricultura, saúde e cidades intelixentes. Tamén foron obxecto de análise a robótica aplicada á automatización en manufactura, loxística e atención ao cliente; ou como a Intelixencia Artificial está a facilitar a análise preditiva, recomendacións personalizadas, e a aprendizaxe automática aplicada á produtividade, á mercadotecnia ou á estratexia das empresas participantes.
A relatora recorreu a exemplos prácticos de como estas tecnoloxías están sendo integradas en modelos de negocio disruptivos que desmitificaron a complexidade, analizou casos concretos que revelan as súas aplicacións reais, así como diálogos interactivos que fomentan o pensamento crítico, para que os participantes descubrisen as tecnoloxías que poden transformar de xeito rompedor os seus negocios e como se poden integrar de forma rápida nos procesos para crear solucións innovadoras e sustentábeis.
Este obradoiro de innovación da CEO e GAIN é parte dun completo abano de actividades que se veñen desenvolvendo desde hai máis dun ano e que continuarán para detectar o potencial innovador das pemes da provincia, e fomentar solucións innovadoras nos seus procesos e produtos. Conecta Ourense nace “da necesidade de localizar e desenvolver o potencial das empresas ourensás en ámbitos como a innovación, dixitalización ou internacionalización, co fin de dotalas do coñecemento e as ferramentas apropiadas para desenvolver ese potencial e transformalo en competitividade, logrando así un tecido empresarial preparado para o século XXI e para todas as transformacións que vivimos, cada vez máis intensas e determinantes”.

PUBLICIDADE