Condenan a 18 meses de cadea ao responsable dunha web de P2P

mércores, 10 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Un dos responsables da web norteamericana EliteTorrents.org (non confundir coa española Elitetorrent), Daniel Dove, vén de ser condenado a unha pena de 18 meses de cadea, 3 anos de liberdade vixiada e unha multa de 20.000 dólares por ter posto a disposición de centos de visitantes da súa web de ratrexadores da rede BitTorrent estreas cinematográficas como Star Wars: A Vinganza dos Sith, que fora a causa pola que a MPAA emprenderá accións contra Elite Torrents que levaran ao peche da web en cuestión en maio de 2005.
Os outros dous administradores da web, Scott McCausland e Grant Stanley, declaráranse culpables dende un primeiro momento, polo que foron condenados a 5 meses de cadea, 5 meses de arresto domiciliario e multas de 3.000 dólares.
As actuacións contra Elite Torrents estaban dentro da Operación D-Elite, na que se demostrou que o grupo denunciado atraera a máis de 125.000 usuarios e facilitaran a distribución ilegal dunhas 700 películas que xeraran uns 1,1 millóns de descargas. Sobra dicir que os membros da comunidade de Elite Torrents na actualidade están dispersos por varias redes de intercambio de ficheiros en servidores fóra dos EE.UU., o que dificulta que se tomen medidas contra as súas actividades.

PUBLICIDADE