Condenan 19 meses e medio de cadea ao responsable de Divxonline.info

xoves, 23 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

As sentenzas xudiciais sobre o casos de vulneración de dereitos de propiedade intelectual continúan a ocupar a actualidade, e agora dan conta de que a Sección 4ª da Audiencia Provincial de Valencia confirmou integramente a senteza ditada polo Xulgado do Penal nº 3 de Valencia contra o titular das páxinas web Divxonline.info, Estrenosonline.es e Seriesonline.es, ao que condenaban a 1 ano, 7 meses e 15 días de cadea e unha multa de 21 meses cunha cota diaria de 12 euros, así como o pagamento da responsabilidade civil polos prexuízos causados, entre outros, a EGEDA.
As páxinas web mencionadas facilitaban o acceso a películas e series de televisión para a súa reprodución en streaming ou para a súa descarga, actividades que en moitas outras ocasións non foron consideradas delito, pero que desta volta constatouse que a conduta non se limitou a ligar contidos publicados na web (senón que integráronse nunha páxina web na que se insería publicidade para obter ingresos) e existía un coñecemento efectivo do material publicado, de xeito que concorrerían os requisitos previstos no Código Penal para que estivésemos nun acto de comunicación pública con ánimo de lucro. Chega a detallarse que o condenado obtivo un mínimo de 16.931,23 euros entre os anos 2007 e 2008 a través dunha empresa xestora de espazos de publicidade web.

PUBLICIDADE