Concello e USC poñen o foco na innovación feminina na súa Feira de Emprendedoras
venres, 8 de outubro do 2021
O
Concello de Santiago e a Universidade de Santiago (USC), colaboran un
ano máis, para organizar a Feira
de Emprendedoras de Compostela, que chega á súa terceira
edición co obxectivo de mostrar o traballo das mulleres na creación
de novos e innovadores proxectos de mercado, facendo gala de
coñecemento e valor engadido, na comarca de Santiago. Este ano vai
dirixida ás universitarias da USC. Ás alumnas que asistan á
formación e á feira expositiva concederáselles 1 crédito de libre
configuración.
Esta
feira, sinalan dende a organización, é “un encontro entre
universitarias xurdidas da USC, referentes como creadoras e
sustentadoras dun tecido empresarial feminista, con valor engadido e
responsabilidade social na área de Compostela, con alumnas que
estudan diferentes disciplinas na USC, ou que estudaron e xa
acabaron, e contemplan o emprendemento como unha saída laboral”.
O
programa inclúe unha parte de formación no Salón Nobre do Pazo de
Fonseca, os días 25, 26 e 27 de outubro, de 12:00 a 14:00 horas. As
universitarias recibirán ao longo destes días unha formación
teórica sobre emprendemento con perspectiva de xénero, farán unha
análise sobre o espírito emprendedor nas mulleres, elaborarán un
canvas feminista e tratarán a importancia de aplicar a
innovación e a creatividade ao tecido empresarial, entre outras
temáticas.
O
día 28 de outubro farán un percorrido por empresas da comarca de
Compostela, con liderados femininos, e que son “un modelo de
negocio referente para a actual crise sanitaria, social e empresarial
que estamos vivindo”, apuntan dende a organización, engadindo que
estas visitas teñen “o propósito de que as universitarias coñezan
de preto a aplicación da formación teórica recibida e o
funcionamento da mesma, en empresas reais con responsabilidade social
corporativa”.
Os
días 29 e 30 de outubro celébrase a feira expositiva coa
presentación de empresas dirixidas por emprendedoras da comarca.
Estará aberta ao público no claustro de Fonseca co fin de
visualizar os produtos e servizos creados por entidades innovadoras.
Aparte
da feira expositiva tamén se celebrarán mesas redondas nas que se
tratarán temáticas como a orientación laboral e a empregabilidade
con valor engadido, amais do papel de Santiago e a súa contorna como
referentes en biotecnoloxía, emprendemento colaborativo e economía
feminista, entre outros eidos.
Todo
o evento será retransmitido en
liña a través da canle de Youtube de Woman Emprende.
A
inauguración da feira será o 29 de outubro, ás 12:00, coa
presenza de Xosé Antonio Sánchez Bugallo, alcalde do Concello de
Santiago, e Antonio López Díaz, reitor da USC.
A
inscrición ao evento pode facerse a través da Secretaría Virtual
da USC e tamén a través da
páxina web de Woman Emprende.