Comunicación Audiovisual presenta Comunícate, unha iniciativa para meter a Rede no día a día dos veciños

martes, 15 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Se Internet non se promove por si soa, haberá que axudala. Ou mellor aínda: facer todo o posible para que lles saia ao paso aos cidadáns. Nisto, en tentar afianzar as ligazóns da Rede –e máis concretamente da Rede de Telecentros de Galicia- coas realidades miúdas das vilas e das cidades galegas é no que se apoia a campaña presentada hoxe martes 15 pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual no Centro Multimedia de Santiago. A iniciativa, que semella desenvolvida para falar por si mesma (chámase Comunícate), vén acompañada dun estudo sobre o emprego que se lle está a dar aos devanditos puntos de conexión e no que se tentou localizar os seus puntos febles.
A finalidade da investigación: atoparlles a aqueles unha solución e servir de alicerce e lanzadeira á propia proposta Comunícate e, en última instancia, á Internet en Galicia.
No estudo, que foi elaborado pola firma Roadmap, ponse de manifesto un problema de base que ten que ver coa idea que abre este artigo: a falta de conexión entre algúns telecentros e as súas vilas. De feito, sinálase, un 40% das persoas enquisadas non sabe que ofrece un destes puntos de conexión mentres que case a metade descoñece a existencia do mesmo no seu concello.
Porén, este baleiro informativo, localizado polo miúdo nalgunhas vilas galegas, ten solución, segundo apuntou a Dirección Xeral. Esta pasaría por meter a Rede no día a día dos veciños e veciñas, apostando por un labor de dinamización que tamén sexa de integración do dixital. De feito, a idea é acadar que as persoas responsables dos telecentros teñan un fondo coñecemento das novas tecnoloxías coas que traballan pero tamén da realidade da vila.
Neste senso, empregarase o programa Comunícate para afianzar unha ligazón dupla: a dos veciños cos telecentros e a dos veciños coa Sociedade da Información. Asemade, a Dirección Xeral pretende implicar ao máximo aos concellos, co fin de que obteñan o maior rendemento posible dos puntos de acceso. Entre as moitas accións que abrangue o programa atopamos as seguintes: a identificación axeitada dos telecentros nos concellos nos que están habilitados (que se saiba onde están e para que serven); a realización de xornadas informativas sobre o seu funcionamento para os responsables, asociacións e colectivos de interese (a proposta apóiase neste senso no modelo irlandés: o que busca o labor dinamizador das asociacións como mensaxeiras das novas tecnoloxías no rural); a axuda aos concellos na posta en marcha de iniciativas locais ou (tamén) a localización de usuarios potenciais co fin de achegarlles información para que usen o telecentro. Por certo que segundo informa a Dirección Xeral e facendo referencia a este último punto, sinalar que os colectivos que presentan maior potencialidade de cara a empregar estes centros de acceso serían os maiores e a mocidade.

A Rede de Telecentros galega

Un telecentro de comunicación (TC) é un espazo acondicionado acusticamente e de estética particular que dispón de material informático (ordenadores, impresoras, etc), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma, así como outros sistemas de control que permiten recrear diferentes escenarios (accións formativas, videoconferencias, visionado de audiovisuais ou multimedia dependendo das necesidades técnicas do evento que se queira desenvolver.
A Rede de Telecentros de Comunicación (RTC) é un servizo público e gratuíto para todos os cidadáns financiado pola Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, en colaboración cos concellos onde se sitúan. Actualmente, a Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, dispón de telecentros situados nas localidades da Coruña, Abegondo, Boiro, Ribeira, Santa Comba, Santiago, Vedra, Vimianzo, A Fonsagrada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Viveiro, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Verín, Xinzo de Limia, A Estrada, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela e Vigo.

PUBLICIDADE