Compostela participa nun proxecto europeo para impulsar o seu proxecto smart

xoves, 10 de marzo do 2016 Fernando Sarasketa

A pasada semana a cidade francesa de Lyon servía de centro de reunión do proxecto europeo Smarter Together, unha proposta que persegue unha mellora da calidade de vida nas cidades, achegando para iso solucións que atinxen a diversos aspectos cotiás da vida urbana mediante a integracións das chamadas smart technologies ou tecnoloxías intelixentes. Emporiso, cómpre subliñar que Santiago de Compostela é socia do proxecto como cidade seguidora (follower), xunto con Venecia e Sofía. Así, Compostela asistiu ao encontro marcado en Lyon, unha das tres cidades faro (ligthhouse cities), xunto a Múnic e Viena, que lideran o proxecto e onde se porán en marcha ao longo de cinco anos diversas accións segundo áreas temáticas concretas.
Á cidade francesa desprazouse o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, e o técnico responsábel do proxecto na Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), entidade colaboradora no mesmo.
Volvendo ao proxecto Smarter Together, dicir que está dotado con 29 millóns de euros, financiados polo programa Horizonte 2020 da Comisión Europea, que ten como finalidade actuar sobre tres problemáticas fundamentais: o uso da enerxía en equipamentos urbanos, a mobilidade e a produción de enerxías alternativas, os tres alicerces sobre os que repousa o concepto de Cidade Intelixente.
Dende o 1 de febreiro, Lyon, Múnic e Viena (como cidades lighthouse) pasaron a converterse en escenarios de experimentación da chamada Smart City a escala europea. Amais destas cidades followers, o proxecto tamén atende á figura de cidades observadoras de fóra da Unión Europea: Kiev e Yokohama.
Compostela, como socia do proxecto e cidade follower, terá a oportunidade de participar para mellorar o deseño da súa propia estratexia de cidade en cinco áreas concretas: sistemas de calefacción de barrio e enerxías renovábeis, rehabilitación enerxética global de equipamentos urbanos, plataformas de datos e servizos intelixentes, laboratorios urbanos para a participación cidadá e solucións de mobilidade para unha mobilidade sostíbel.

PUBLICIDADE