Compostela mostra novos xeitos de coñecela a través de roteiroliricamedieval.gal

luns, 22 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Compostela acolleu hoxe a presentación do Roteiro Virtual de Lírica Medieval, un recurso para descubrir (e redescubrir) Santiago a través do seu legado literario e musical e das cantigas galego-portuguesas nas que a cidade funciona de escenario e referente. O roteiro vén da man dun equipo de investigadoras e investigadores ligados á Universidade de Santiago, co apoio da Concellaría de Acción Cultural. Materialízase nunha web, roteiroliricamedieval.gal, que recolle referencias aos autores medievais vencellados a Compostela (como Airas Nunes, Joán Airas de Santiago, Pai da Cana ou Afonso Eanes de Cotón), reproduce os seus textos e permite coñecer os lugares referenciados neles a través de vídeos. Segundo fixeron saber, en datas vindeiras incluiranse as versións musicais das cantigas.
O Roteiro Virtual da Lírica Medieval foi presentado en rolda de prensa pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, xunto co equipo científico responsábel da web, composto por Yara Frateschi Vieira, profesora da Universidade Estadual de Campinas, en São Paulo; María Isabel Cabanas, da Universidade de Santiago; e José Antonio Souto Cabo, tamén da USC. Tamén participaron na rolda Janaína Marques, da USC, coordinadora dos traballos, e a artista María Meijide, quen elaborou o mapa artístico da web.
Segundo explicaron, a web "é o resultado de moitos anos de traballo do equipo investigador, traballo que previamente materializouse na publicación de varios libros dirixidos a un público máis especializado, fronte a este recurso que está pensado para un público máis variado". O Roteiro Virtual da Lírica Medieval inclúe referencias a máis dunha vintena de trobadores que nas súas cantigas fixeron mención a espazos de Compostela ou da súa comarca. Ademais de recoller os textos manuscritos dispoñíbeis ou as transcricións seguindo as normas de edición para a poesía trovadoresca, na web inclúense pequenas biografías de cada un dos autores e vídeos dos lugares que aparecen citados nas cantigas.
Ademais, na páxina pódese ler unha introdución xenérica sobre a lírica medieval galego-portuguesa e os seus xéneros, cunha explicación detallada da importancia de Santiago na época e dos motivos polos que a cidade aparece citada de continuo nas cantigas dos séculos XII e XIII.

PUBLICIDADE