Compostela estrea unha plataforma dixital de marketing para o pequeno e mediano comercio

mércores, 28 de novembro do 2012 Marcus Fernández

A plataforma Feirón presentouse onte en Compostela

O Concello de Santiago de Compostela, en colaboración coa Asociación de Comerciantes Santiago Centro e co operador galego R, presentou aos comerciantes composteláns unha nova plataforma de marketing en liña chamada Feirón, que permite premiar aos clientes que visiten os establecementos adheridos a esta iniciativa e facilita a comunicación entre comerciantes e clientes. Santiago será a primeira cidade en gozar desta plataforma deseñada por Tuapli e desenvolvida por R, que busca fidelizar os clientes actuais e captar novos clientes dun xeito innovador. A experiencia santiaguesa busca será un programa piloto que chega a tempo para a campaña de Nadal, e que permitirá que os clientes podan participar en sorteos mensuais de 500 euros para gastar na rede Feirón e un sorteo anual dun soldo de 1.000 euros durante un ano, así como sorteos especiais e estacionais.
Esta solución permite que pequenos e medianos comerciantes poidan empregar ferramentas de marketing propias das grandes empresas sen ter que realizar grandes investimentos nin empregar infraestruturas complexas. Está baseada nun terminal que se instalará no comercio (composto por un tablet nun soporte e cunha viseira de sinalización), tarxetas con códigos QR para facilitar que os clientes se apunten a Feirón dende o negocio e unha plataforma para deseñar campañas. As campañas están preconfiguradas en Feirón e premiarían comportamentos como visitas nunhas condicións en concreto (volver antes de 10 días, ir o sábado pola mañá, acudir con amigos...) ou realizando certos tipos de consumo (mercar un produto determinado ou realizar compras por máis dunha cantidade). As promocións remítense por correo electrónico ou mensaxe de texto ao móbil.
Os comerciantes tamén poderán dar entrada nos seus tablets aos seus provedores principais para facer campañas sobre os consumidores que acudan ás tendas onde venden os seus produtos, algo que as marcas e distribuidores agradecerán enormemente.

PUBLICIDADE