Compostela e Vigo acollerán cadanseus cursos de vixilancia tecnolóxica e redes sociais

luns, 14 de novembro do 2011 Raquel Noya

A Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, que entre os seus obxectivos destaca o de mellorar os procesos de innovación empresarial na zona de Galicia e o Norte de Portugal a través do proxecto ECA-IT, vai celebrar dúas peculiares xornadas neste mes de novembro, coas que pretende mellorar a competitividade das empresas mediante a integración das TIC no seu seo.
Trátase dunha primeira xornada presencial, que terá lugar o vindeiro 23 de novembro no Museo Pedagóxico de Galicia en Compostela, que leva por título Vixilancia Tecnolóxica e intelixencia competitiva para a innovación e a competitividade. Experiencias sectoriais e empresariais, coa que a devandita fundación pretende expoñer distintos casos de boas prácticas en experiencias sectoriais e empresariais perante firmas de España e Portugal.
A segunda das xornadas terá lugar o 29 de novembro no Club Financieiro de Vigo, e ten como obxectivo dar a coñecer a importancia das redes sociais para mellorar a reputación dunha empresa, así como salientar o papel das mesmas como soporte á innovación.
Este curso presencial de 4 horas ten o aforo limitado a 40 persoas e contará coa presenza do relator Carlos Otero Barros, de Colímera Consultores.
Baixo o titulo, O papel das redes sociais como soporte á innovación e á xestión da reputación das empresas, o relatorio de Otero incluirá, entre outros contidos, a medición da reputación en liña, a análise das redes sociais temáticas e especializadas, e a valía destas ferramentas para a innovación e a colaboración cos clientes.

PUBLICIDADE