Compostela converterase en outubro na capital nacional do software libre

venres, 25 de maio do 2012 Raquel Noya

A Asociación de empresas galegas de software libre, AGASOL, que vén de afianzar os piares que terman das fontes abertas no noso país ao ter asinado un convenio de colaboración con CENATIC, co que mellorar a liberación do software no noso territorio, vén de facer unha nova e valiosa achega para esta tecnoloxía en Galicia, ao asumir a organización do evento máis importante sobre software libre que se celebrará este ano en España: a Libre Software World Conference 2012 -LSWC-.
AGASOL contará en todo momento co apoio de outra grande da materia a nivel nacional: Asolif, a Federación Nacional de Empresas de Software libre, de quen é socio fundador e con quen está a pechar os detalles do programa completo da LSWC.
O que se consegue coa organización deste evento é, en palabras dos seus responsables, “converter dous días de encontro nunha importante ferramenta de divulgación de novidades, intercambio de coñecemento e proxectos de futuro en torno ao software libre”.
Sabemos (polo que indican na súa web) que o último precedente dun evento destas características foi a LSWC 2011, celebrada con éxito de asistencia en Zaragoza, e que AGASOL asume agora a tarefa de traer á capital galega “o foco de atención de empresarios e profesionais do software libre e dos seus ámbitos de actuación durante dous días de traballo”: o 18 e 19 de outubro.
O evento, que seguindo a filosofía que caracteriza ao software libre non podía deixar de ser de entrada libre, público e aberto á participación de tódalas persoas interesadas na materia, celebrarase na Cidade da Cultura de Galicia, e, en palabras do presidente de AGASOL, Alejandro Escobar, “será unha oportunidade para dar a coñecer a boa saúde do software libre en Galicia, buscar pontes para futuras colaboracións a nivel internacional, e facilitar un espazo para compartir coñecemento no que participen expertos, empresarios, institucións e a propia cidadanía”.

PUBLICIDADE