Compostela acollerá as VIII Xornadas SINDUR o vindeiro 26 de xaneiro
luns, 24 de xaneiro do 2011
O grupo de investigación GIST da
Universidade de Santiago de Compostela vai celebrar, o vindeiro mércores, 26 de
xaneiro de 2011, as VIII Xornadas SINDUR:
Da Cidade Dixital á Cidade Aumentada, que terán lugar en Santiago de
Compostela para impulsar a intelixencia social a partir das TIC, mediante a
análise do que son as chamadas cidades
aumentadas.
As xornadas desenvolvernase ao
amparo do Plan Nacional de I+D+i, e a entidade organizadora convida a
participar, previa inscrición de balde, a todas aquelas persoas interesadas en
analizar o paso dunha cidade dixital a unha cidade aumentada, na que se impulsa
a difusión de produtos territoriais, as empresas locais ou a sociedade civil… a
través das redes sociais e Internet.
Este novo concepto da lugar a un
debate crítico e creativo sobre estratexias de marketing territorial de cidades a partir da web 2.0 e as redes
sociais, tendo presente que todo isto pode promover a creatividade, o emprendedurismo e a innovación na sociedade
local.
Trátase, segundo afirman, “de usar a Internet como se fose unha gran
lente ou lupa que aumenta a visibilidade da cidade na sociedade local, rexional,
nacional e internacional. Unha gran lente como é a dun telescopio que permite
ver os detalles das estrelas situadas a miles de quilómetros de distancia”.
Nunha primeira sesión as persoas asistentes terán a oportunidade de coñecer e
debatir sobre o desenvolvemento da sociedade da información nos Estados Unidos
e coñecer proxectos TIC de éxito levados a cabo en cidades e vilas para, a
partir daí, analizar a súa viabilidade en Santiago de Compostela.
Na segunda sesión darase a coñecer
en primeira persona a experiencia de creación dunha empresa de base tecnolóxica
a partir do gist.idega da USC. E como se fai I+D+i dende o mundo profesional,
co caso do colexio de enxeñeiros informáticos de Galicia.
O programa, que está dispoñible na páxina
oficial do GIST, recolle asemade, tempo para facer preguntas e debatir
sobre o tema proposto, así como unha comida de traballo coas persoas
asistentes.
A USC expedirá certificados de
asistencia para todas aquelas persoas que se acheguen a estas Xornadas.
