Compostela acolle a primeira xornada do Proxecto TIC TAC

martes, 5 de abril do 2011 Raquel Noya

No marco do Proxecto TIC TAC, que se desenvolve no noso pais grazas a un convenio que asinou a Xunta co Ministerio de Industria, a Biblioteca Nodal de Santiago vai acoller, mañá mércores, 6 de abril, a primeira das xornadas formativas, na que se achegará información de utilidade sobre os accesos adaptados e alternativos para os ordenadores.
O principal obxectivo é darlle a coñecer ás persoas con discapacidade e a colectivos vinculados con elas as vantaxes do equipamento adaptado do que dispoñen en 149 centros públicos da nosa Comunidade, así como as funcións que poden achegarlles e onde poden atopalos. Todo isto ten como finalidade mellorar o seu acceso á sociedade da información e rachar coa fenda dixital existente aínda entre este colectivo.
Estas xornadas, que teñen unha duración aproximada de 4 horas e un marcado carácter dinámico e participativo, están a celebrarse tamén na Coruña, Viveiro, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra e Vigo, e extenderanse ao longo de todo o mes de abril.
Ademais da Biblioteca Nodal, onde se desenvolverá esta primeira xornada, en Santiago hai outros cinco centros que dispoñen deste equipamento: o Centro Integrado de Formación Profesional, o Centro de Novas Tecnoloxías, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e as aulas CeMIT da Facultade de Ciencias da Comunicación e do Concello compostelán.

PUBLICIDADE