Como levar a cabo unha axeitada dixitalización, este xoves na Cámara de Santiago

martes, 6 de xuño do 2023 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago ofrécenos esta semana (o xoves 8 en formato exclusivamente presencial) unha nova oportunidade formativa para avanzarmos en transformación: a xornada Como dixitalizar unha empresa e non morrer no intento. A finalidade deste obradoiro é facilitar o proceso de transformación nas pemes da contorna compostelá e, tamén, poñer o foco nas grandes vantaxes destes procesos, que abren grandes oportunidades ás empresas, sobre todo en medre de ingresos, aforro de custes, melloras en calidade ou competitividade.
A xornada virá da man de Socios Digitales, na que empresas tecnolóxicas e consultoras con experiencia en diferentes sectores, poñen o foco nas situacións reais que implica o proceso de transformación dixital, e como abordalas con éxito.
A sesión inclúe tamén unha paréntese práctica para facer networking de calidade con empresas do ámbito da área de Santiago e Barbanza.
Vai destinada a empresarios, responsábeis IT das empresa, directores xerais, xerentes, CEO (directores executivos), directores financeiros, comerciais e de produción, asesorías ou consultoras.
A cita será como dixemos este xoves 8 de xuño, en horario de 10.00 a 12.00 horas, na sede da Cámara de Santiago (rúa República Checa 40, 15707 - Santiago de Compostela).
Tocaranse temas como os retos e obxectivos da transformación dixital, os pasos que dar na integración da mercadotecnia en liña na nosa empresa, a dixitalización industrial (xestión de persoas e procesos, dixitalización da xestión de tempos e materiais, casos de éxito), a ciberseguridade e as solucións na nube.
Relatores: Hugo Fraga, Rafa Villaverde, Anxo Mourelle, Roberto Alonso.
A actividade está financiada pola Unión Europea-Next Generation EU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

PUBLICIDADE