Como crear unha web e aprender do uso que se fai dela, ao detalle nun curso da Cámara de Santiago

venres, 2 de setembro do 2022 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago organiza neste remate do verán un curso que nos axuda a ser algo máis que usuarios das ferramentas: a ser creadores tamén dos recursos que empregamos. Estamos a falar do obradoiro Deseño dunha web para aprender sobre o teu negocio cos teus usuarios. Nesta actividade, prevista para o día 9 de setembro (en horario de 10.00 a 11.30 horas) mostrarase como crear un sitio online e como tirar proveito da súa actividade e da información xerada pola mesma, como aprender de xeito efectivo e como identificar e dar prioridade a aquilo que queremos aprender.
Os relatores serán Alejandro García Soto (socio en Despunte Deseño e Enxeñería, responsábel da área de deseño e desenvolvemento de produto en Anzol, o marketplace nacional de servizos de fabricación baixo demanda) e Carmen Araquistain Portela (socia en Despunte deseño e enxeñería, responsábel de desenvolvemento de negocio e comunicación en Despunte e Anzol)
Este curso abéirase á actividade da Oficina Acelera PEME da Cámara de Santiago. As Oficinas Acelera PEME (OAP) inclúense no Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020 (POPE), co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e pola entidade pública empresarial Red.es.

PUBLICIDADE