Como Que Non? chega ao programa 200 en Radio Galega Podcast

luns, 11 de xullo do 2022 Marcus Fernández

O programa de humor da Radio Galega Como que non, conducido e dirixido por Carlos Tresandí, publica hoxe en Radio Galega Podcast o episodio 35 da súa tempada 5G, que vén ser o programa 200 deste espazo que chamou a atención dende o seu lanzamento pola súa aposta multimedia, gravándose en vídeo e con público, abrindo así un camiño hoxe consolidado na emisora pública do país. Nesta última entrega o convidado é Iago Gordillo e acompañan coa súa música It’s Soul & Wanadee.
Como que non? naceu en setembro de 2017 co nome de E por que non?, evolucionando na segunda tempada cun cambio de nome e unha ampliación de duración (de media a unha hora), pasando por este espazo numerosos persoeiros galegos, con grande presenza de figuras de televisión e do espectáculo en xeral, así como con actuacións musicais en vivo.
A pandemia fixo que o programa tivese que mudar de formato, optando por solucións imaxinativas para poder manter a distancia social, conseguindo manter vivo Como que non? até hoxe, cando podemos escoitar o programa a través da Rede ou sintonizalo durante a semana ás 0:00 horas e ás 17:00 horas nas fins de semana.
O programa estreará nova tempada en setembro, pero quere despedir a tempada actual ao grande, cunha edición especial na que recuperarase o contacto co público no local de The City en Vigo, onde se gravaron as primeiras tempadas do espazo radiofónico (que máis adiante trasladaríase a La Goulette). A gravación realizarase o vindeiro 4 de agosto para a súa publicación o día 22.

PUBLICIDADE