Comezaron en Pontevedra os obradoiros científicos en familia de Ponteciencia

mércores, 2 de febreiro do 2022 S. P.

A Concellería de Educación de Pontevedra comezou este martes 1 de febreiro os obradoiros de Ciencia en Familia da IX Feira da Miniciencia de Pontevedra (Pontenciencia 2022), un programa de actividades aberto ás familias do alumnado e cuxa celebración está prevista para o venres 27 e o sábado 28 de maio na Escola de Enxeñería Forestal.
As datas e horarios concretos dos talleres de Ciencia en Familia son os seguintes:
-Martes 1 de febreiro ás 17:30 horas.
-Sábado 5 de febreiro ás 10:30 horas.
-Sábado 5 de febreiro ás 12:00 horas.
-Mércores 9 de febreiro ás 17:00 horas.
-Xoves 17 de febreiro ás 17:00 horas.
-Sábado 19 de febreiro ás 10:30 horas.
-Sábado 19 de febreiro as 12:00 horas.
O concelleiro de Educación pontevedrés, Tino Fernández, lembra que nesta primeira fase de Pontenciencia, o proxecto impulsado en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e o Ministerio de Ciencia e Innovación, estanse a desenvolver dous tipos de obradoiros: os destinados a escolares de 5º e 6º curso de Educación Primaria que participan no programa cos seus centros educativos (que se realizarán dentro da aula en horario lectivo); e os orientados ás familias que queiran tomar parte en Pontenciencia cos seus fillos/as de Primaria (7-12 anos), convocados a través das ANPAs.
A finalidade destes talleres é explicar a pais e alumnos como realizar unha investigación, o protocolo a seguir de maneira lóxica e organizada e como conseguir que os resultados sexan “reproducíbeis e confiábeis”, así como facilitar a participación na feira e a comprensión e valoración persoal doutros proxectos. En palabras do edil, Ponteciencia quere “ensinar a pensar e fomentar mentes curiosas e exploradoras a través da investigación, e sen dúbida, a implicación das familias con estes obradoiros de Ciencia en Familia é unha das pedras angulares deste proxecto”. A maiores, sinala, búscase fomentar a cultura científica e a xerar bases para un futuro liderado científico e tecnolóxico nos e nas participantes directos (alumnado, profesorado, familiares, etc.) e, dun modo xeral, no público asistente ou virtual.

PUBLICIDADE