Comezaron as conversas entre Estado e comunidades autónomas para achegar ordenadores portátiles aos alumnos de primaria

mércores, 20 de maio do 2009 Marcus Fernández

O ministro de Educación, Ángel Gabilondo, iniciou as negociacións coas comunidades autónomas españolas para a implantación do plan Educa 2.0 no que, entre outras medidas, preténdese que os estudantes de 5º de primaria teñan un ordenador portátil, o que está a atopar moitos atrancos porque, entre outras cousas, a iniciativa deberá contar con cofinanciamento autonómico, á vez que pode entrar en conflito con planificacións educativas en curso.
A vindeira semana continuarán as xuntanzas, para avanzar no cumprimento do compromiso do Goberno para facer realidade esta iniciativa para o vindeiro curso, o que parece bastante difícil polos poucos meses que faltan, o que Gabilondo pensa posible, aínda que os conselleiros autonómicos apelan á «falta de cartos» para pagar os equipos informáticos.
Gabilondo tamén insistiu en que os ordenadores non buscan substituír os libros de texto e non son unha medida illada, senón que é un dos moitos elementos que compoñen o novo plan do Goberno, como a mellora das conexións á Internet ou a dotación de encerados dixitais para os centros docentes.

PUBLICIDADE