Comezan en Pontevedra as actividades (presenciais) de Desenhogalego.org

luns, 19 de marzo do 2007 Raquel Noya

Xa comezaron as actividades (no real) vinculadas á iniciativa virtual Desenhogalego.org, unha proposta do Concello de Pontevedra para darlle un novo pulo ós creadores gráficos da nosa terra (e ás súas pezas) dende diversos planos de acción. O proxecto artéllase en dúas iniciativas principais: por unha banda os encontros e mostras de Deseña GZ e, pola outra, a exposición virtual Icono GZ que agora adquire corpo e presenza nas rúas da cidade do Lérez. Polo que respecta ás actividades da primeira das liñas, cómpre sinalar que A Casa das Campás, na zona vella de Pontevedra, acollerá esta mesma tarde ás 19.00 horas o primeiro relatorio do ciclo de conferencias, que estará ó cargo de Jesús Seoane, dirixente da área de Comunicación da Universidade de Vigo. O futuro do deseño en Galiza abordará a situación dos estudantes de deseño galegos, que se atopan espallados entre Escolas Superiores e Centros Universitarios. Asemade, Seoane fará unha análise das áreas de especialidade, do número de alumnos e dos traballos realizados por eles a fin de descubrir o potencial de profesionais que están por vir, así como as oportunidades que lles agardan no mercado laboral.
O martes 20 á mesma hora terá lugar o segundo relatorio do ciclo, da man de Miguel Conde, Presidente Executivo de B.A.P & Conde e elixido Mellor Publicista de Galicia pola Revista Imagen & Comunicación. Baixo o título Pancreatividade, unha filosofía de traballo, Conde exporá a súa experiencia no mundo da publicidade (de máis de 15 anos) ó mando “da segunda axencia de publicidade en España e primeira das galegas, que en cinco anos obtivo un 300 por cento de incremento de beneficios por volume de facturación”, segundo consta no programa de actividades.
Dúas citas ás que non deben deixar de ir todos aqueles interesados no deseño e na arte da publicidade, os cales, aproveitando a visita á cidade do Lérez, poderán ver a exposición Icono GZ, unha mostra das iconas galegas que mellor nos identifican deseñada por Kiko da Silva que se atopa pendurada en distintos edificios das rúas do casco histórico de Pontevedra. As imaxes tamén están a disposición do público a través da páxina www.iconogz.org, onde se pode votar pola que mellor nos identifica.

PUBLICIDADE