Comezan as prohibicións do uso da Touch Bar do MacBook Pro en exames

martes, 31 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

A Touch Bar do novo MacBook Pro é unha característica moi polémica, xa que para moitos foi un engadido innecesario que, ao vir acompañado por un prezos disparatado do equipo provocou certo rexeitamento tras a presentación do último portátil de Apple, e agora chega un novo problema para este tipo de ordenador, xa que están a prohibir o uso da nova funcionalidade durante os exames para poder exercer a avogacía en Carolina do Norte.
A entidade que xestiona as probas está a advertir que a partires do mes de febreiro os usuarios que leven o seu portátil aos exames deberán desactivar a funcionalidade de Touch Bar antes de entrar no local onde se realicen as probas, e confíase en que ante do inicio das probas pregunten quen son os examinados que teñen un MacBook Pro con Touch Bar para que un técnico se achegue a eles para comprobar que a funcionalidade está desactivada.
Dende ExamSoft, compañía encargada da asistencia técnica nos exames, aseguran que esta medida tiveron que aplicala para manter a integridade das probas, xa que de xeito predeterminado a Touch Bar conta cunha funcionalidade de texto preditivo, de xeito que podería realizar suxestións en función do que o estudante teclease, o que en condicións normais sería unha interesante axuda, pero nun exame non resultaría xusto.
Ao parecer noutros estados non son tan comprensivos e directamente prohiben o uso dos novos MacBook Pro nos exames, e non sería de sorprender que esta medida pasase a ser algo habitual a nivel mundial en moitos outros exames nos que consideren que o texto preditivo é facer trampa.

PUBLICIDADE