Comezan as exhibicións simultáneas das pezas presentadas en Curtas na Rede

mércores, 8 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

O Centro Multimedia de Galicia (Santiago, rúa do Hórreo) inaugurou este martes as xornadas encamiñadas a dar conta das curtametraxes presentadas na edición 2008 de Curtas na Rede, certame fílmico-redeiro que organizan cada ano a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e o Consello da Xuventude. Estes pases, que viñeron acompañados de relatorios sobre blogs e videoblogs, teñen o engadido extra de ter sido retransmitidos en varios recantos de Galiza de xeito simultáneo, tirando partido das redes e máis concretamente da infraestrutura achegada pola Rede de Telecentros. Deste xeito, a xornada puído seguirse dende as aulas en liña de Arzúa, Santa Comba, Carballo, Monterroso, Carballiño, Lalín, Vilagarcía e Tui.
Como dixemos, as sesións contaron tamén coa súa achega de reflexión, concretamente a de Pedro J. Romero, blogueiro (dende hai seis anos) e licenciado en Física que interveu para falar sobre o eido das bitácoras e o seu devir. Por certo que un dos eixes do seu relatorio foi o das posibilidades dos videoblogs, tema que desenvolveu en boa medida grazas á súa experiencia persoal en Elpulpo.tv.
Cómpre sinalar que a seguinte xornada de exhibición de curtametraxes terá ligar o próximo xoves de 18:00 a 20:00 horas.

PUBLICIDADE