Comezan a dar froitos en Brión as preparacións para obter certificados europeos de informática

mércores, 30 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Juan González, o primeiro veciño do municipio en acadar a primeira Acreditación Europea de Manexo do Ordenador

As actividades formativas tecnolóxico-dixitais polas que aposta o Concello de Brión comezan a dar resultados. Así nolo contan dende a localidade coruñesa, onde o veciño Juan González Valdepeñas conseguiu converterse no primeiro cidadán do municipio en acadar a primeira Acreditación Europea de Manexo do Ordenador, un certificado oficial de gran recoñecemento que vén da man da Fundación ECDL (European Computer Driving Licence). Segundo informa o Concello, a nova é importante dende un punto de vista duplo, para a sociedade galega porque lle abre camiños cara un emprego pleno das TIC, e para o propio Concello porque supón o primeiro froito dun esforzo (o de terse convertido no único municipio galego que pode expedir a dita certificación) que de seguro dará moitos máis.
Por certo que o dito recoñecemento da Fundación acredita que o alumno posúe unha formación completa en informática a nivel de usuario e que tamén son unha garantía para as empresas e as administracións que contratan a estas persoas. “Juan González foi o primeiro en aprobar os sete módulos nos que está estruturado a acreditación ECDL”, informa o Concello de Brión, “para o cal tivo que superar sete exames con 36 preguntas tipo test cada un”. E engade, sobre a traxectoria de Juan e avanzando algúns dos logros vindeiros entre a veciñanza: “Nesta primeira convocatoria, Juan foi o primeiro en superar todos os módulos, aínda que a bo seguro non será o único pois outros vinte veciños e veciñas examinaranse no telecentro brionés ao longo desta mesma semana, en quendas de mañá (10:30 horas) e tarde (20:00 horas)”.

Acreditación ECDL

Segundo engade o Concello de Brión, o ECDL é unha acreditación internacional europea que outorga o recoñecemento de posuír unha formación básica e completa en informática a nivel de usuario. Está xestionada pola Fundación ECDL e está implantada en toda Europa (baixo as siglas ICDL) e no resto do mundo. Esta acreditación xurdiu como unha iniciativa do Consello Europeo de Asociacións Profesionais de Tecnoloxías da Información (CEPIS) para promover e aumentar a competencia dos europeos no uso das tecnoloxías da información. A acreditación ECDL está recomendada pola Comisión Europea e en España está supervisada pola Asociación de Técnicos de Informática, que se encargan de coordinar aos distintos centros homologados autorizados a expedir a acreditación.

PUBLICIDADE