Comeza o traballo de DIXITEGA para crear a gran plataforma galega do sector cárnico

mércores, 2 de agosto do 2023 S. P.

O proceso de dixitalización da cadea de valor da produción cárnica de IXP Ternera Gallega a través do proxecto DIXITEGA continúa este verán co proceso participativo durante o que se solicita información a unha mostra de responsábeis da produción, a industria e a distribución. O seguinte paso de DIXITEGA será crear unha plataforma tecnolóxica ao servizo do sector.
Entre xullo e agosto, entrevistarase a unha decena de representantes de entidades como Unións Agrarias, Asociación de Gandeiros Galegos de Suprema, da cooperativa Almoga, Coren, da Asociación Gallega de la Carne (ASOGACARNE), Asociación Gallega de Fabricantes de Alimentos Compuestos para Animales (AGAFAC), Gadisa, Vegalsa, así como propietarios de cebadeiros privados.
A maiores, IxP Ternera Gallega compartirá unha enquisa en liña con seus máis de 2.000 asociados para recoller as súas opinións.
Tras procesar os datos obtidos e detectar as necesidades, no outono dará comezo a terceira fase de traballo para comezar a crear e testear a plataforma tecnolóxica DIXITEGA. A ferramenta, que será presentada a finais de 2024, permitirá o acceso e manexo conxunto das fontes públicas e privadas relevantes para a cadea de valor da IXP Ternera Gallega e facilitará a toma de decisións a partir de datos contrastados.
Desta maneira, productores, cooperativas, industrias alimentarias, cadeas de distribuidores, organizacións agrarias, centros tecnolóxicos, grupos de investigación ou administracións públicas poderán interactuar e compartir información relativa ao custe das materias primas, evolución dos prezos, oferta e tipología dos animais dispoñíbeis para a comercialización, estatísticas de produción, sacrificio ou consumo, entre outras. “DIXITEGA”, informaron os responsábeis do proxecto, “mellorará a transparencia e a información útil compartida co consumidor final”.
Segundo os impulsores de DIXITEGA, o agrogandeiro segue a ser un dos sectores económicos con menor implantación das TIC, “isto a pesar de que a dixitalización da cadea de valor das producións cárnicas en Galicia é unha das necesidades perentorias para ser máis competitivos e sustentábeis, tanto económica como social e ambientalmente e, a maiores, cumprir os obxectivos do Pacto Verde Europeo e da Estratexia da Granxa á Mesa”.
Barreiras que marcan oportunidades
As entidades impulsoras do proxecto lembran que as principais barreiras detectadas para a transformación dixital en Galicia son o pequeno tamaño das explotacións e, en xeral, as escasas marxes das unidades produtivas e da industria cárnica, “que fan difícil acometer os investimentos”. Amais, tamén é unha desvantaxe a dificultade de acceso a datos públicos e privados; a existencia de fontes fiábeis e útiles; a falta de interoperabilidade da información e a dificultade das empresas tecnolóxicas para conectar cun sector altamente atomizado.
O obxectivo final de DIXITEGA será “achegar solucións prácticas e innovadoras que respondan a estas barreiras para fomentar a competitividade, a produtividade e a viabilidade dun sector estratéxico para o medio rural de Galicia”.
En xeral, o sector cárnico galego achega o 34% da PFA (Produción Final Agraria). Está formado por 43.000 explotacións e 192 industrias que facturan uns 1.400M€/ano e empregan a unhas 5.800 persoas. Representa, así mesmo, un papel esencial na xestión do territorio e na prevención dos incendios forestais.
En paralelo ao desenvolvemento da aplicación, organizaranse xornadas de formación para aprender a manexar a plataforma, consolidar o seu uso entre os axentes da cadea de valor e inserir novos datos que a manteñan actualizada.
O proxecto DIXITEGA articúlase a través dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación (AEI), co-financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
DIXITEGA conta cun orzamento de 176.329,19€ financiado pola Consellería do Medio Rural a través do Plan de Desenvolvemento Rural. Ademais da Fundación Juana de Vega (coordinadores), participan a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, o Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant).

PUBLICIDADE