Comeza en formato híbrido a edición 19 do foro GaliciaTIC

mércores, 6 de outubro do 2021 S. P.

Este mércores 6 de outubro abre as súas portas a nova edición de GaliciaTIC. Farao ás 9.30 horas, no Auditorio da Cidade da Cultura, en Santiago, cunha mesa inaugural na que participan Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Fernando Guldrís, director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Luis Álvarez Sestelo, presidente Asociación de Empresarios de Tecnoloxía de Galicia (Ineo), Fernando Vázquez Núñez, CEO de Imatia e Carlos Suárez, director xeral de Edisa, contando con Miguel Merino Gil, director de GaliciaTIC, en labores de moderador.
Na mesa avaliaranse os retos do sector da tecnoloxía, a innovación e a comunicación, “especialmente nun momento que non foi planificado e que obrigou a empresas, organizacións e traballadores a abordar situacións novas no contexto dun futuro incerto”.
Nova edición dun foro histórico
O histórico foro tecnolóxico GaliciaTIC, organizado pola asociación empresarial Ineo, chega á súa edición 19 entre o mércores e o xoves (6 e 7 de outubro) en formato mixto, a mañá do mércores na Cidade da Cultura e tanto a mañá como a tarde do mércores, así como o xoves, en formato en liña.
Reuniranse no marco do encontro empresas e profesionais do sector TIC e doutros ámbitos produtivos interesados en coñecer novidades tecnolóxicas para mellorar tanto a súa organización como a súa competitividade.
O formato mixto (que permite combinar sesións presenciais e online), segundo lembra Ineo, xa foi aplicado con “gran éxito” na anterior edición: “Este modelo híbrido, que se impuxo o ano pasado polas circunstancias sanitarias, permitiu en 2020 duplicar a asistencia habitual ao superar os 450 participantes”, explica a asociación, engadindo que “os datos rexistrados na pasada edición animaron á organización de GaliciaTIC a continuar explorando esta exitosa fórmula”.
O programa inclúe relatorios maxistrais, mesas de debate, presentacións ou demostracións. Reunirá ao longo das dúas xornadas a representantes da chamada “tripla hélice da innovación”, ou sexa, a administración, a universidade e a empresa.
Así, en GaliciaTIC intervirán representantes da Xunta de Galicia, dos Concellos de Santiago, Vigo e Xetafe, das Universidades de Santiago e Vigo, así como de empresas de diferente tamaño como son Oracle, Deloitte, Optare, Edisa, R, Imatia, Everis, Cinfo ou Orange, entre outras moitas.
Programa
A axenda comezará o mércores ás 09.30 h. de forma presencial coa mesa inaugural, que versará sobre os desafíos que se presentan ao sector TIC, especialmente nun momento que non foi planificado e que empuxou a empresas, organizacións e traballadores a abordar unha dixitalización acelerada. Moderada por Miguel Merino, director de GaliciaTIC, a mesa contará con Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Fernando Guldrís, director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE); Carlos Suárez, director xeral de Edisa; Fernando Vázquez Núñez, director executivo de Imatia, e Luis A. Álvarez-Sestelo, presidente da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo).
A xornada continuará ás 10.00 h. da man de Senén Barro, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), que ofrecerá un relatorio maxistral sobre o futuro inmediato da Intelixencia Artificial. A partir de aí, o programa incluirá tanto o mércores como o xoves mesas temáticas sobre asuntos tan variados como o impacto das novas tecnoloxías no coidado dos nosos maiores, a ciberseguridade, a extensión da 5G en Galicia, as tecnoloxías Cloud Native e Realidade Aumentada ou as sinerxías tecnolóxicas e colaborativas, tanto na esfera público-privada como entre empresas.
O evento tamén contará con diferentes webinars que se poderán seguir por streaming. Por exemplo, Abel Fernández Ardura, de Leyton, centrará o seu nas axudas públicas para financiar proxectos de dixitalización; Juan Carlos Núñez Suárez, de Imatia, ofrecerá un sobre as claves da minería de procesos; e Alejandro Alonso Rodríguez, de Everis, impartirá o seu sobre ciberseguridade na Industria 4.0.
A última sesión antes do peche de conclusións dedicarase a diferentes casos de éxito empresariais na transformación dixital e á presentación da Oficina Acelera PEME, que xestionará Ineo até maio de 2023 tras ser seleccionada por Red.es para asesorar e impulsar a dixitalización de empresas do sur de Galicia (con sedes en Vigo en Ourense).
Ineo, para a organización do GaliciaTIC, conta este ano co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Deloitte, Edisa, Everis, Imatia, Lifesize, Intergal, Leyton, Oracle, Orange, Inycom, R., CTI Consultores, Data Monitoring e Galvintec.


PUBLICIDADE