Comeza en TikTok a campaña anti-machista da Delegación do Goberno en colaboración coa mocidade galega

luns, 21 de novembro do 2022 S. P.

Este domingo a Delegación do Goberno en Galicia lanzou na rede social TikTok, en colaboración coa creadora galega Ireniusx, unha campaña de sensibilización contra a violencia machista quen pon o foco na mocidade. O delegado José Minoñes lanzou un chamamento á xuventude da nosa terra a participar na actividade: “Necesitamos a vosa axuda e contamos convosco para construír unha sociedade máis igualitaria”, reivindicou José Miñones, coincidindo coa publicación no perfil de Ireniusx en TikTok (este domingo) dun vídeo no que mostra a ilustración que creou a partir dos trazos que debuxaron o pasado luns Ada e Leo, unha alumna e un alumno do IES Fernando Wirtz da Coruña, durante o acto de presentación da iniciativa.
Unha vez publicado o vídeo, os usuarios de TikTok foron convidados a subir os seus propios vídeos contra a violencia de xénero coa etiqueta #25NGalicia e as mencións @ireniusx e @delgobgalicia, nos días próximos ao 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
O delegado animou ás mozas e mozos de 13 anos en diante a expresarse libremente a través TikTok, de forma individual ou en grupo, seguindo a proposta da Delegación do Goberno, “xa sexa con palabras, cantando, bailando ou como prefiran, para dicir: non á violencia de xénero”.
A Delegación pon en marcha por primeira vez esta iniciativa en TikTok contando coa galega Ireniusx, que ten 6,6 millóns de seguidores na rede social.
Esta acción en redes sociais está impulsada pola Delegación do Goberno en Galicia e forma parte da programación Meninas 2022, que inclúe unha vintena de actos en torno ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A Delegación remitiu material gráfico e información a todos os Institutos de Educación Secundaria (IES) de Galicia para convidar o seu alumnado a sumarse.
José Miñones lembrou que “4.200 mulleres en Galicia contan actualmente con seguimento e protección de Policía ou Garda Civil por risco de sufrir violencia de xénero e que 66 foron asasinadas en Galicia desde 2003, cando se empezaron a rexistrar os crimes machistas”. E engadiu: “A violencia machista é unha realidade cruel e inxusta que se ceba co 50% da poboación e que non ten cabida na nosa sociedade”.
Programación Meninas 2022
A Delegación do Goberno en Galicia e as subdelegacións provinciais celebran durante estas semanas xornadas, exposicións, certames e outros eventos de sensibilización con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. En total, unha vintena de actos dentro do programa Meninas 2022.
O acto central será a entrega dos recoñecementos Meninas, que destacan o labor de persoas e institucións que combaten a violencia contra as mulleres. Nesta quinta edición do programa recoñeceranse pola súa loita pola igualdade os equipos Viogen de Galicia da Garda Civil, a Marcha Mundial das Mulleres, a Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller-ASOCIM, o equipo feminino do Burela Fútbol sala e o Comando Igualdade do IES Alexandre Bóveda de Vigo. Os recoñecementos entregaranse o vindeiro luns no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago.

PUBLICIDADE